A actuación tivo un orzamento de 202.300 euros e foi froito dun convenio entre a Xunta e o Concello ao tratarse dun edificio de titularidade municipal.
Dende o 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de un total de 100 centros de saúde, o que supuxo un investimento de máis de 120M€
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado pola alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, visitou as obras de reforma que se están a executar no Centro de Saúde e PAC de Castro Caldelas, que permitirán a renovación integral da cuberta para poder terminar coas filtracións e humidades que se viñan producindo.
Renovación de infraestruturas
Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo un investimento nestes 12 anos, de máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan iniciadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.
A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.
En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora financiando as actuacións cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.
Plan de infraestruturas sanitarias
Para continuar con este esforzo, o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Ourense, contempla a construción de oito novos centros de saúde: o novo CIS de Ourense (presentado proxecto básico e solicitada licencia ao concello) e o de Mariñamansa na Cidade de Ourense, e os dos concellos de A Rúa (coa redacción do proxecto xa adxudicada), Boborás e Muiños (licitadas as redaccións dos proxectos), O Carballiño (asinado protocolo), Allariz e Montederramo. Ademais, o Plan contempla obras para reformar a modernizar integramente o centro de saúde de Viana do Bolo.