Sergi e Erik Quintela pechan na sede da Xunta o ciclo 'Luz ao Deporte', que chegou a máis de 1.200 escolares lucenses

Deportistas e exdeportistas de primeiro nivel explicáronlles aos rapaces as súas experiencias profesionais e vitais e expuxeron os seus exemplos de superación persoal

Lugo, 14 de decembro de 2022

Os irmánsSergi e Erik Quintela, dous referentes do baloncesto lucense, relataron hoxe as súas vivencias a alumnado de Secundaria de Lugo dentro do ciclo de charlas Luz ao deporte,impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Breogán e Abanca.

 

Os xogadores breoganistas protagonizaron o último encontro do programa, no que participaron desde setembro deportistas e exdeportistas de primeiro nivel que achegaron as súas experiencias profesionais e vitais a máis de 1.200 alumnos e alumnas de ESO e BAC dos IES Leiras Pulpeiro, Ánxel Fole, Sanxillao e Muralla Romana, na cidade de Lugo.

 

No peche da actividade participou o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, quen subliñou que “estes testemuños narrados en primeira persoas son un gran estímulo para os rapaces e axudan a fomentar neles condutas e valores positivos que os acompañen toda a vida”.

 

Previamente pasaron pola Delegación Territorial da Xuntapara falar ante os mozos e mozas o ex-xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, quen abordou o problema do acoso escolar; o atleta da Pontenova Tito Margaride, un exemplo de superación; e a judoka Sara Álvarez, quen explicou a súa experiencia nun deporte individual e minoritario no que acadou os maiores triunfos pese a que en varias ocasións sufriu graves lesións.

Imaxes relacionadas