A Xunta licita por preto de 135.000 € as obras que completarán a ampliación do saneamento da parroquia de Santa María no concello de Melide

Executarase un novo colector de saneamento que recollerá as augas residuais das vivendas que restan por conectar coa rede e as conducirá por gravidade cara ao colector xa executado a ambas as marxes da estrada N-547
 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o anuncio deste contrato ao que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 10 de xaneiro
 

Augas de Galicia executará e financiará as obras ata os 120.000 € no marco dunha colaboración co Concello de Melide, que asumirá o financiamento restante
 

Completarase a rede para dar servizo a 206 habitantes, tras unha primeira actuación coa que se dotou de saneamento as vivendas da parroquia na contorna da N-547, cun investimento superior aos 126.000 euros
 

A Xunta mantén a súa disposición de cooperación técnica e financeira cos concellos para axudalos nas súas responsabilidades de saneamento e depuración

Santiago de Compostela, 15 decembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 133.763 euros as obras que completarán a ampliación do saneamento na parroquia de Santa María no concello de Melide.

 

A intervención obxecto deste contrato céntrase na execución dun novo colector de saneamento que recolla as augas residuais das vivendas de Santa María que aínda carecen deste servizo e as conduza por gravidade para a súa conexión co colector executado a ambas as marxes da estrada nacional N-547.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio da contratación destas obras, que teñen un prazo de execución de 2 meses. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de xaneiro.

 

Esta nova actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado o pasado mes de abril entre a Xunta e o Concello que prevé un investimento de 150.000 euros. Segundo o establecido no convenio, a Xunta achegará ata 120.000 euros para a execución destas obras e o Concello de Melide contribuirá ao financiamento restante.

 

Augas de Galicia tamén levará a cabo a contratación e execución dos traballos, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

 

Pola súa banda, a entidade local asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

 

Esta actuación será cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do programa 2014-2020.

 

Saneamento de Santa María

Os traballos que se van realizar baixo este contrato consisten na dotación dun colector de saneamento de 417,54 metros de lonxitude para a súa conexión augas abaixo co colector existente. Realizarase unha perforación horizontal dirixida, paralela á N-547, para salvar unha zona moi estreita entre unha vivenda e a estrada nacional, onde o colector se colocará a máis de 6 metros de profundidade.

 

Completarase a nova rede con 10 pozos de rexistro e reporanse os pavimentos afectados polas obras nas entradas ás vivendas.

 

As obras completan a rede de saneamento proxectada para dar servizo á poboación da parroquia de Santa María, dando servizo a 206 habitantes no ano horizonte 2040.

 

Esta intervención súmase á primeira fase xa executada pola Xunta e entregada o pasado ano ao Concello, coa que se dotou de saneamento as vivendas unifamiliares e edificacións de ambas as marxes da estrada N-547 nesa contorna.

 

Esas obras supuxeron un investimento superior aos 126.000 euros e centráronse na construción dun sistema de algo máis de 1,4 km de lonxitude que recolle as augas residuais urbanas das vivendas que carecían deste servizo, para ser conducidas ata a rede de saneamento existente na parroquia, e que acaba nun bombeo que impulsa as augas residuais cara á depuradora de Melide. 

 
O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento, de competencia municipal.