O Goberno galego inicia a tramitación da Lei de ordenación do litoral que converterá a Galicia na primeira comunidade en regular a franxa costeira en toda a súa extensión

Rueda subliña que a Administración autonómica quere unha ordenación “realista, razoable, eficaz” e adaptada “á realidade galega”

Lamenta a “deriva” das normativas estatais nesta materia que “xeran inseguridade xurídica e poñen en risco actividades claves para Galicia”

A futura norma terá un ámbito de aplicación ambicioso, que abranguerá o litoral no seu sentido máis amplo, incluída tanto a zona terrestre e intermareal como a mariña

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda resalta que a futura lei terá en conta “o modelo produtivo e o modo de vida” de Galicia

O anteproxecto lexislativo identifica tres áreas diferenciadas na costa en función do seu estado de conservación para fixar obxectivos e usos específicos en cada unha

Por primeira vez, identifícanse os usos e actividades que son estratéxicos na costa para permitir que se poidan levar a cabo de forma sustentable e con seguridade xurídica

Recolle, de forma clara e expresa, que a xestión das autorizacións e concesións para ocupar o litoral corresponderá á Xunta no momento en que o Estado faga efectivo o traspaso á Comunidade dos medios necesarios para poder exercer esta competencia
 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello acordou iniciar a tramitación da nova Lei de ordenación do litoral de Galicia (Lolga) coa que busca garantir o autogoberno pleno sobre a franxa costeira. “Galicia vaise converter na primeira comunidade en regular o litoral en toda a súa extensión”, resaltou.

Rueda destacou que a Xunta quere unha ordenación do litoral “realista, razoable, eficaz e plenamente adaptada á realidade galega”. Neste sentido, lamentou “a deriva” das normativas aprobadas nos últimos anos polo Goberno central que “xeran inseguridade xurídica e poñen en risco actividades económicas claves para Galicia” e asegurou que o obxectivo da futura Lei de ordenación do litoral non é outro que “manter o equilibro entre a necesaria preservación das paisaxes e actuacións e proxectos fundamentais para Galicia”.

Para iso, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a futura normativa -que se prevé aprobar ao longo de 2023- vai adaptarse á realidade galega, “atendendo o seu modelo produtivo, as súas necesidades e un modo de vida” historicamente ligado ao mar que nada teñen que ver cos doutras comunidades costeiras e que, polo tanto, requiren de criterios e regulacións específicos.

Vázquez lembrou que para a elaboración do anteproxecto da lei se convocou aos 82 alcaldes dos concellos que conforman o litoral galego así como a axentes da cadea mar-industria a reunións específicas para abordar o contido da futura norma. “Das 81 achegas, 79 ían na liña de que precisabamos unha ordenación do litoral”, resaltou a conselleira, quen fixo fincapé en que “Galicia quere e pode xestionar o seu litoral” e que o obxectivo da Xunta é que esta normativa “sexa moi participativa e transparente” ao recoller achegas de todos os sectores implicados.

Para cumprir co seu obxectivo de ordenar o litoral no seu sentido máis amplo, a futura Lolga aborda desde un enfoque integrado diferentes cuestións que, parcial ou totalmente, non están recollidas na lexislación autonómica actual.

Deste xeito, búscase regular unha xestión das actividades humanas no litoral que garanta o aproveitamento sustentable dos seus recursos e manteña en bo estado os seus ecosistemas desde unha perspectiva ambiental, social e económica que teña en conta os distintos usos existentes nesta franxa, os riscos e ameazas que afectan os ecosistemas mariños, e as diferentes administracións públicas que hai implicadas na súa xestión.

Neste sentido e tendo en conta que tamén no litoral galego conflúen espazos moi diferentes, como praias, zonas naturais protexidas ou solos urbanizados que requiren dun réxime xurídico específico con regras ou limitacións que se poidan cumprir na práctica, a Lolga identifica tres áreas diferentes na costa segundo a seu estado de conservación, fixando para cada unha delas unha serie de obxectivos e usos diferentes.

Así, a área de protección ambiental (APA) correspóndese cunha extensa zona que conserva características naturais e valores singulares e irremprazables que deben protexerse e preservarse especialmente de calquera proceso que os poida alterar. A esta área pertencen os espazos naturais protexidos e os espazos mariños do litoral, ademais daqueles bens do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) que conforman a ribeira do mar e das rías polo que a prioridade será preservar a paisaxe e os ecosistemas, poñer en valor os elementos patrimoniais existentes, promover a súa adaptación ao cambio climático e preservalos de posibles desenvolvementos urbanísticos.

A chamada área de mellora ambiental e paisaxística (AMA) refírese a zonas que sen chegar a reunir as condicións antes sinaladas, conservan valores naturais e se manteñen maioritariamente nun bo estado de conservación polo que requiren accións de protección, recuperación e renaturalización. Nesta área estarían, por exemplo, os terreos de solo rústico de protección de costas comprendidos na zona de servidume e na zona periférica de protección dos espazos naturais protexidos ou o resto do solo rústico, con edificacións vinculadas a usos e explotacións de carácter tradicional.

En canto ao terceiro dos espazos sinalados, a área de reordenación (ARA), abrangue aqueles espazos litorais urbanizados e que se viron transformados pola acción humana en que a prioridade será a súa humanización e renovación a través, por exemplo, de intervencións ordenadas que incidan na mellora dos espazos públicos, das zonas verdes e dos equipamentos dotacionais, da rehabilitación de edificios en desuso, ou doutro tipo de accións que dinamicen económica e socialmente o litoral. Nesta área estarían os terreos de dominio público portuario e a zona de servidume de protección de 20 metros.

Concreción de usos por zonas e actuacións estratéxicas

Con respecto aos usos e ás posibilidades de asentamento permitidos no litoral, o texto regula especificamente cando e para que está xustificada a ocupación do DPMT e tamén as obras, actividades e instalacións que poden levarse a cabo nos terreos comprendidos en zona de servidume de protección de costas.

No caso do dominio público e partindo de que segundo a Lei de costas estatal só poderá ocuparse para usos e instalacións que pola súa propia natureza non poidan ter outra localización, a Xunta concreta no anteproxecto da Lolga, por primeira vez e no exercicio das súas competencias, cales son esas actividades permitidas. En todo caso, a ocupación deberá ser a mínima posible e deberá quedar garantida a protección do DPMT.

Así quedan recoñecidas como actividades permisibles os establecementos da cadea mar-industria; as actividades que presten servizos vinculados á interacción porto–cidade; as dotacións públicas esenciais para o abastecemento e o saneamento e depuración das augas residuais; as infraestruturas enerxéticas de electricidade e gas que subministren ás actividades situadas no DPMT; as instalacións de xeración eléctrica que teñan que ocupar o mar e as súas instalacións complementarias; as actividades e instalacións de servizo público que, pola configuración física do tramo de costa en que resulte necesario o seu emprazamento, non poidan situarse nos terreos lindeiros.

En canto á zona de servidume de costas, tamén se concretan as obras permitidas nestes terreos por non poder ter outra localización ou porque prestan servizos necesarios ao dominio público. Este recoñecemento por lei resultará clave para resolver situacións do litoral galego que pola interpretación uniforme do Estado levan anos enquistadas.

En todo caso e tendo en conta que case todos estes usos xa viñan sendo recoñecidos na práctica, a principal novidade radica na inclusión daquelas obras, instalacións e actividades necesarias para executar actuacións consideradas estratéxicas para o litoral. O obxectivo é identificar usos particulares que poñen en valor e mesmo significan unha fonte de riqueza e cohesión social para a costa galega. Por iso, a Lolga dálles esta consideración e establece unha serie de medidas legais para que poidan desenvolverse de forma sustentable, respectuosa coa contorna e con seguridade xurídica.

En concreto, serán estratéxicos os establecementos da cadea mar-industria; os usos ligados á interacción entre portos e cidades pola súa función integradora; a creación de sendas litorais; establecementos de turismo litoral situados en inmobles preexistentes de valor histórico ou arquitectónico; as intervencións para a posta en valor do patrimonio cultural litoral; proxectos para a sustentabilidade económica e social do sector marítimo-pesqueiro; ou as dotacións públicas esenciais para saneamento de augas.

Demanda de plenas competencias

A elaboración da Lolga tamén se enmarca na demanda trasladada pola Xunta en reiteradas ocasións e por diversas vías para que Galicia asuma, canto antes e como xa fixeron outras comunidades, as competencias plenas e efectivas que lle atribúe o seu Estatuto de autonomía sobre a xestión do dominio público marítimo-terrestre.

O presidente lembrou que pese a que a Xunta conta cun informe do Consello Consultivo que avaliou a capacidade do Goberno autonómico para asumir a regulación do seu litoral -documento que foi trasladado o Executivo central- “aínda non temos ningunha resposta sobre esta cuestión”.

Neste sentido, cómpre subliñar que a concesión dos títulos de ocupación e uso do dominio público é unha das funcións executivas que ten legalmente atribuída Galicia. Por iso, a Lolga sinala, de forma clara e expresa, que o outorgamento das autorizacións e concesións no DPMT corresponderá á consellería competente en materia de ordenación do litoral no momento en que o Estado faga efectivo o traspaso a Galicia dos medios persoais e materiais necesarios para poder exercer esta competencia.

Así o anteproxecto da Xunta adiántase a este fito ao regular un procedemento simplificado en que se integrarán todos os títulos necesarios para levar a cabo unha actividade sobre o dominio público co fin de facilitar a súa tramitación. Esta regulación, en todo caso, entrará en vigor cando se materialice efectivamente o referido traspaso de medios á Comunidade.

 

A visión autonómica desde a que se aborda a futura lei no seu conxunto tradúcese tamén na regulación dun sistema de planificación coherente e coordinado das actividades no litoral para conseguir un desenvolvemento sustentable. Así, entre outros instrumentos, a Lolga prevé elaborar unha estratexia de economía azul, a aprobación das directrices de ordenación do litoral como elemento básico para planificar a costa, e dous plans territoriais integrados: o de ordenación costeira e o de ordenación mariña.

 

En definitiva, o obxectivo é dotar a Galicia dunha norma propia ambiciosa e adaptada á realidade autonómica para resolver os problemas e a inseguridade xurídica xerados polas decisións e reformas normativas impulsadas desde 2018 polo Estado, cunha interpretación cada vez máis restritiva da xestión da franxa litoral e das políticas autonómicas e que avoga por impoñer criterios unificadores na ordenación da costa.

 

Tras o acordo de inicio da tramitación aprobado hoxe pola Xunta, o anteproxecto da Lolga someterase a información pública e consultas durante o prazo dun mes. Unha vez recompilados todas as achegas, alegacións e os informes sectoriais requiridos, o texto volverá a elevarse ante o Consello da Xunta para a súa aprobación como proxecto de lei, previsiblemente, no primeiro trimestre do vindeiro ano.

 
 


Imaxes relacionadas