A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou un convenio de colaboración co alcalde da localidade

A Xunta e o concello de Val do Dubra mellorarán a seguridade viaria da estrada entre Portomouro e Santa Comba cun investimento de 418.000 €

O Goberno galego destinará 8,6 M€ en 2023 a seguir apoiando ás entidades locais na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2022 A Xunta e o Concello de Val do Dubra colaborarán na mellora da seguridade viaria da estrada AC-406 entre Portomouro e Santa Comba cun investimento inicial estimado de 418.000 euros, do que a Xunta aporta o 70% e o municipio o 30% restante.

 

Segundo o convenio asinado hoxe pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, a actuación consistirá na creación dunha zona de tránsito para os peóns entre os puntos quilométricos 17+160 e 18+620, no lugar de Paramos.

 

O proxecto inclúe demolicións e movementos de terras para explanación de sendas de 1,8 metros de anchura -medida que se reduce en zonas de vivendas e peches de parcelas- de formigón colorado; canalizacións de pluviais e da rede de alimentación de alumeado público; a reposición do firme na zona da gasolineira e traslado de postes de electricidade, iluminación pública e telefonía.

 

A obra levarase a cabo ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

 

Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

 

De feito, só na provincia da Coruña foron comprometidas ou executadas desde entón ao abeiro deste programa un total de 96 actuacións, incluída a que se acometerá no concello de Val do Dubra. 

 
A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

Imaxes relacionadas