A Xunta reforza a seguridade viaria na estrada OU-105 no treito coincidente co Camiño de Santiago ao paso polo concello de Ourense

A intervención, que comezou esta semana e continuará a vindeira, desenvolverase no treito desta estrada que vai desde o punto quilométrico 2+653 ao 2+903
 

Executaranse dous tramos de cuneta transitable e reforzarase a sinalización horizontal e vertical neste tramo da estrada autonómica
 

Estas actuacións forman parte das 39 intervencións de mellora da seguridade viaria que a Xunta acomete este ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de preto de 1,8 M€
 

O Goberno galego dálle así continuidade ás 70 obras que realizou o pasado ano, ás que destinou 1,4 M€ co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2022 A Xunta está a executar obras de reforzo da seguridade viaria na estrada OU-105 ao seu paso polo concello de Ourense no treito coincidente co Camiño de Santiago, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

 

Esta intervención, que comezou esta semana e continuará a vindeira, desenvolverase no treito desta estrada que vai desde o punto quilométrico 2+653 ao 2+903.

 

Executaranse dous tramos de cuneta transitable, acometendo previamente o picado e retirada a vertedoiro de lousa de formigón e logo o estendido de pavimento.

 

O proxecto tamén prevé o reforzo da sinalización horizontal e vertical neste tramo da estrada autonómica.

Coas obras que se están a executar búscase reforzar a seguridade neste tramo que discorre paralelo ao Camiño de Santiago e que carece de beirarrúa.

Esta nova intervención enmárcase no programa de 39 obras de mellora da seguridade viaria que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar este ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de preto de 1,8 millóns de euros.

 

A encomenda deste ano estase a levar a cabo nos distintos Camiños e trazados da Ruta Xacobea en tres provincias galegas. Na provincia da Coruña están programadas un total de 11 actuacións; na de Lugo, 23; e na de Ourense, 5.

 
O Goberno galego dálle así continuidade ás 70 obras que levou a cabo o pasado ano nas estradas autonómicas nos treitos coincidentes coa traza do Camiño de Santiago e que supuxeron un investimento de 1,4 M€.

Imaxes relacionadas