O presidente da Xunta asiste á gala de entrega da XIII edición dos premios

Rueda resalta o éxito do programa Xuventude Crea como escaparate do talento e da creatividade artística da mocidade galega

Destaca que as obras dos 350 artistas que participaron nesta edición amosan a pluralidade e a diversidade que caracterizan á sociedade galega

Recorda que na iniciativa participaron desde os seus inicios 4.300 artistas que presentaron 3.200 obras

Vigo, 17 de decembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o éxito do programa Xuventude Crea como escaparate do talento e da creatividade artística da mocidade galega. O titular do Goberno galego, acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, asistiu á gala de entrega da XIII edición dos premios, aos que se presentaron 350 artistas.

 

Alfonso Rueda chamou a atención sobre o éxito desta iniciativa na que participaron desde os seus inicios 4.300 artistas que presentaron 3.200 obras, o que demostra, ao entender do presidente da Xunta, que hai fornadas de mozos e mozas preparados para continuar a pegada dos máis recoñecidos creadores das artes galegas, desde Castelao e Rosalía de Castro a Maruja Mallo, Carlos Núñez ou Olga Novo. De feito, o presidente amosouse seguro de que moitos dos que asistiron á gala serán protagonistas da escena cultural galega dos vindeiros anos.

 

Hai 13 anos que se puxo en marcha Xuventude Crea como unha iniciativa pensada para que os máis novos con inquedanzas artísticas poidan dar a coñecer as súas creacións. Sabedores de que os inicios no mundo da arte non son doados, o programa ofrece ferramentas aos novos creadores para que poidan cumprir o soño de que a súa vocación se converta tamén nunha profesión e para dar visibilidade á súa obra e que o seu traballo chegue a ser coñecido pola sociedade.

 

De feito, tal e como recordou Rueda, a iniciativa non se limita ao concurso, senón que organiza tamén unha exposición itinerante coas mellores obras que pasaron polo programa e dispón dun museo dixital no que se poden ver as creacións gañadoras.

 

Xuventude Crea outorga premios en 14 especialidades, seis de grupo -arte urbana, cociña, creación de videoxogos, danza moderna, música e teatro- e oito a título individual -artes plásticas, banda deseñada, deseño de xoias, fotografía, moda, novela curta, poesía e videocreación-.  

Imaxes relacionadas