O Sergas abre o prazo de elección telemática de destinos na categoría de facultativo especialista de atención primaria para as prazas resultantes do primeiro proceso de adxudicación

Ofértanse un total de 19 prazas, ás que poderán optar 64 persoas aspirantes

A elección de destino será telemática, a través de Fides/expedient-e

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022 O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se publica a relación de persoas definitivamente seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal fixo da categoría de facultativo especialista de atención primaria e se inicia o prazo para a elección de destino telemática das prazas que resultaron vacantes logo do primeiro proceso de adxudicación e toma de posesión.

Este proceso, convocado a finais de abril deste ano, ten por obxecto dar unha resposta adecuada ás necesidades actuais da atención primaria, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade, e tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia

O 29 de setembro realizouse o primeiro acto de elección de destino no cal se adxudicaron 91 prazas, restando polo tanto só 15 prazas por adxudicar. O 24 de outubro publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución parcial do proceso selectivo co nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos 91 aspirantes seleccionados que elixiron destino.

Finalizado o prazo de toma de posesión das persoas aspirantes o día 24 de novembro, e tendo en conta que catro persoas non formalizaron a incorporación ao servizo activo no destino adxudicado, procede agora ofertar as 19 prazas que restan mediante o proceso telemático de elección de destino, abrindo un prazo dez días para que as persoas seleccionadas, así como as que figuran na lista de reserva, en total 64 aspirantes, realicen a elección de destino.

As prazas que se ofertan son 7 na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 7 na área sanitaria de Vigo; 3 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés; e 1 en cada unha das áreas sanitarias de A Coruña e Cee; e na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Prazo para a elección de destino e procedemento

Os aspirantes disporán dun prazo de dez días hábiles, comprendido entre o 20 de decembro e o 2 de xaneiro próximos para seleccionar os destinos ofertados por orde de prelación.

A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme as bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020. A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información á persoa aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel. A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.

O aspirante disporá das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a elección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.

Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.

Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito dos cidadáns de relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento das persoas aspirantes á sede do órgano convocante como acontecía coa modalidade presencial.

As persoas aspirantes seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.