A Xunta e a Fundación Paideia poñen en marcha unha aceleradora de música para impulsar ata 12 proxectos de artistas e grupos galegos
A conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a presidenta da entidade colaboradora, Sandra Ortega, asinaron un convenio para a realización conxunta deste programa, ao que se destinan 240.000 euros a través da Axencia Galega de Industrias Culturais
A xestión de Paideia arrancará cunha primeira fase de aceleración con máis de 70 horas dedicadas á consultoría e mentorización das iniciativas seleccionadas para continuar coa promoción dos traballos resultantes e a participación en mercados profesionais
Continúa aberto o prazo de solicitude para a selección dos profesionais autónomos e microempresas, cun máximo de cinco anos de actividade neste ámbito, aos que se lles facilitarán as ferramentas necesarias para o desenvolvemento das súas carreiras
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a presidenta da Fundación Paideia Galiza, Sandra Ortega, asinaron un convenio de colaboración mediante o que esta entidade será a encargada da xestión da nova Aceleradora Cultural de Proxectos Musicais, a través da que a Xunta investirá 240.000 euros no sector co obxectivo de impulsar ata 12 propostas de artistas e grupos galegos.
Investimento do 80%
En virtude do convenio subscrito hoxe, a Xunta asume o 80% dos custos das actividades de aceleración a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e ao abeiro dos fondos Next Generation EU e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Deste xeito, destínanse preto de 180.000 euros ás diferentes accións destinadas a facilitarlles aos participantes as ferramentas necesarias para o desenvolvemento das súas carreiras, mentres que os 60.000 restantes corresponden aos gastos de xestión.
Fase de promoción e mercados
A segunda etapa dedicarase á promoción e difusión dos proxectos a través da súa participación en circuítos de concertos, festivais, encontros cos medios de comunicación e asistencia a foros e mercados profesionais, dentro e fóra de Galicia, ademais de nun evento final de presentación das propostas con actividades de networking e reunións personalizadas .