A Xunta avoga por unha ciencia en igualdade que cree máis oportunidades e aposte polo talento galego na entrega do premio Wonenburger 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, interviron no acto de entrega hoxe do galardón a Elena Vázquez Cendón

Diego Calvo, destacou as medidas do Goberno galego para fomentar a incorporación laboral das mulleres en ámbitos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía como o III Programa Muller e Ciencia

Lorenzana sinalou que a ciencia é clave para o progreso da sociedade e a igualdade é “un torrente de desenvolvemento” para a ciencia

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avogaron hoxe na entrega do premio Wonenburger 2022 por unha ciencia en igualdade que sexa sinónimo de máis oportunidades laborais e que aposte polo talento galego.

O vicepresidente segundo puxo en valor o traballo da Unidade de Muller e Ciencia que desde 2007 recoñece co Premio María Josefa Wonenburguer a mulleres galegas pioneiras e referentes na ciencia e na tecnoloxía para facer chegar á sociedade as súas contribucións.

Por iso, reivindicou a promoción das vocacións STEM – a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e matemáticas- entre as nenas e as mozas para eliminar a fenda de xénero que persiste nestes estudos e apelou a rachar cos estereotipos de xénero nestes sectores a través do fomento a igualdade entre mulleres e homes desde o ámbito educativo.

Diego Calvo tamén destacou o traballo da Xunta para consolidar o enfoque de xénero e fomentar a incorporación e promoción profesional das mulleres nos ámbitos da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Así, puxo como exemplo o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 que, cunha dotación de 45 millóns de euros, ten como obxectivo incorporar 600 mulleres ao eido investigador e a outras 30 a optar a postos de carácter directivo. De feito, este programa vai na liña da Lei Ánxeles Alvariño, aprobada o ano pasado co obxectivo de aumentar a creación de cátedras e o número de mulleres docentes e investigadoras en Galicia.

A conselleira de Igualdade, pola súa banda, apuntou que a diversidade achega novas perspectivas, talento, creatividade e máis oportunidades e, por iso, indicou que a Administración galega apoiará unha ciencia do futuro que sexa “feminista, integradora e humanista”. Afirmou, ademais, que a igualdade é “un torrente de desenvolvemento” para a ciencia, clave para o progreso da sociedade.

Da premiada este ano, a matemática e investigadora Elena Vázquez Cendón, destacou o seu labor pola vocación e vontade de resolver problemas cotiáns para mellorar a vida e puxo en valor os seus estudos por estar vinculados ás súas raíces galegas e cun elemento común, a auga. Apuntou, ademais, que o galardón recoñece tamén o seu traballo coa mocidade para que “as futuras xeracións cheguen a ser o que queiran ser”.

A conselleira de Igualdade salientou, así mesmo, o papel da muller galega na ciencia e lembrou a primeira galardoada con este premio no ano 2007, a primeira catedrática da facultade de Santiago de Compostela de Física e unha referente internacional en microcalorimetría, Inmaculada Paz Andrade, que faleceu en novembro deste ano.

Vázquez Cendón

O pleno da Unidade Muller e Ciencia  tivo en conta para outorgar o premio a Vázquez Cendón a súa carreira investigadora como o seu papel na divulgación desta rama da ciencia. Vázquez Cendón (Ourense, 1966) é licenciada (1989) e doutora (1994) en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Santiago e profesora titular de Matemática Aplicada. Desde 2017 ocupa o posto de decana da Facultade de Matemáticas desta universidade.

Destaca na súa carreira investigadora polas súas contribucións ao estudo das leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos que teñen como ámbitos de aplicación a análise do movemento da auga en ríos, escalas de peixes ou zonas costeiras e tamén do fluxo do gas, do sangue e o deseño industrial.

A galardoada participou en proxectos nacionais e internacionais e liderou investigacións do Centro Tecnolóxico do Mar ou a Fundación Ciudad de la Energía e Reganosa, entre outros. Na actualidade está vinculada ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia de Galicia (CITMAga) e coordina o Máster en Matemática Industrial (con mención de excelencia da Xunta de Galicia). A Unidade Muller e Ciencia tivo en conta o compromiso desta galega na divulgación das Matemáticas, que se materializa desde 2021 ano no que se puxo á fronte do Proxecto de Estímulo do Talento Matemático

Imaxes relacionadas