A Xunta renova o convenio de colaboración para garantir aos fiscais o acceso á información dos expedientes de menores

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou o acordo co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, antes da reunión da Comisión Mixta de Coordinación entre o Ministerio Fiscal e a Xunta

No encontro abordáronse outros asuntos como o traslado da Fiscalía de Área á nova Cidade da Xustiza de Vigo, o remate das obras da Fiscalía de Pontevedra e a importancia de consolidar o protocolo de actuación nas Oficinas de Atención ás Vítimas
 

A Coruña, 21 de decembro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron esta mañá a Comisión Mixta de Coordinación entre o Ministerio Fiscal e a Xunta na que se abordou o convenio entre o Goberno galego e a Fiscalía Xeral do Estado para o acceso á información dos expedientes en materia de menores.  

A renovación deste acordo asinouse precisamente hoxe entre o vicepresidente segundo da Xunta e o fiscal superior de Galicia xunto co director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño. Por parte da Administración autonómica tamén interveñen neste convenio a Consellería de Política Social e Xuventude co obxectivo de permitir o acceso por parte de fiscais de menores aos datos existentes no sistema de información MENOR que rexistra a actividade co menor nas áreas de protección de menores e xustiza penal xuvenil. A información deste sistema estará dispoñible a través do portal da plataforma de intermediación pasaXe!

Por outra banda, na reunión da Comisión Mixta da Fiscalía abordáronse, ademais deste convenio, cuestións relacionadas con infraestruturas e medios materiais e tecnolóxicos. No encontro participaron tamén o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e por parte da Fiscalía, o fiscal xefe da Unidade de Apoio da Fiscalía Xeral do Estado, Esmeralda Rasillo; o fiscal da Unidade de Apoio, Raúl Martínez; e os fiscais xefes provinciais das catro provincias galegas.


Así, o vicepresidente segundo lembrou que os 27 fiscais e os 25 funcionarios da Fiscalía da Área de Vigo terán á súa disposición a planta 5ª da Cidade da Xustiza de Vigo que dispón dunha superficie de máis de 2.300 metros cadrados, onde estarán situados 41 despachos, salas de espera, salas de xuntas, salas de toma de declaracións, unha área de menores e a área do fiscal xefe.  

Tamén se referiu ás actuacións rematadas este ano na Fiscalía provincial de Pontevedra que, grazas á redistribución dos espazos anteriores e á construción do novo edificio xudicial da Parda, permitiu que este órgano duplicase a súa superficie asignada no edificio antigo. Cun investimento de 90.000 euros, dotouse de máis despachos os fiscais de área, así ampliáronse as oficinas e os arquivos e creouse un espazo diferenciado para a Fiscalía de Menores. Na actualidade ocupa o cuarto andar -espazo no que anteriormente estaban os xulgados do Penal e de Menores- e tamén o quinto.  

Canto á dixitalización da xustiza, deuse conta da planificación actualizada do Plan Senda que ata 2025 suporá un investimento de 43 millóns e, en concreto, a súa aplicación das melloras tecnolóxicas na actividade diaria dos fiscais.  

Respecto ao persoal, este ano creáronse 11 novas prazas de funcionarios nas oficinas fiscais ata acadar un total de 143, o que supón un incremento do 40% respecto a 2014 e nun estándar similar á media nacional. Xunto con estes aumentos de plantillas, dotáronse doutros 17 efectivos de reforzo.  

Cómpre lembrar que en 2023 poranse en marcha outras 24 novas prazas de funcionarios para atender as necesidades de persoal asociadas á creación dos tres xulgados de Primeira Instancia e Instrución o próximo ano: o nº6 de Lugo, o nº15 da Coruña e nº16 de Vigo.  

Por outra parte, no encontro tratouse a coordinación entre a Fiscalía e as Oficinas de Atención ás Vítimas (OAV). A Xunta avoga por consolidar este modelo de atención asistencial, que abarca desde a intervención psicolóxica na que os profesionais da psicoloxía levan a cabo unha atención individualizada da vítima -que determina a forma de previr e evitar as consecuencias da vitimización secundaria- e ademais o estudo e aplicación das medidas de protección que minimicen os trastornos psicolóxicos e propostas para a asistencia e protección da vítima durante o proceso.  

Nesta liña, abordouse o protocolo de actuación que se aprobará en breve sobre o funcionamento destas oficinas, co obxectivo de prestar unha asistencia integral, coordinada e especializada ás vítimas como consecuencia do delito, en especial aos menores de idade e ás vítimas especialmente vulnerables durante o proceso xudicial.

Imaxes relacionadas