A Xunta avoga pola arbitraxe e a mediación intraxudicial como vías alternativas e complementarias de resolución de conflitos xudiciais

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, interveu hoxe no encontro empresarial cos membros da corte arbitral do noroeste da Confederación de Empresarios da Coruña

A Coruña, 21 de decembro de 2022

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, destacou hoxe no encontro empresarial da corte arbitral do noroeste da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) a importancia da arbitraxe e da mediación intraxudicial como vías alternativas e complementarias para a resolución de conflitos xudiciais. No acto tamén participou o presidente da CEC, Antonio Fontenla.

 

Tronchoni lembrou que o Goberno galego aposta desde 2009 por facilitar á cidadanía solucións idóneas na resolución de controversias á marxe da vía xudicial. Para acadar este obxectivo -explicou- é fundamental a coordinación entre institucións, así como o compromiso que nestes anos adquiriron neste ámbito profesionais da Administración de xustiza como membros da carreira xudicial, fiscais, letrados, avogados e procuradores.

 

Deste xeito, a Xunta implantou nos últimos anos a mediación intraxudicial familiar en todas as cidades galegas, así como outros proxectos de mediación no ámbito civil e mercantil e no ámbito penal. Este impulso seguirá no 2023, cunha achega de 125.000 euros.

O director xeral de Xustiza explicou que a arbitraxe é un auténtico equivalente xurisdicional, que cumpre con todas as esixencias da tutela efectiva e que, mediante árbitros especializados na materia, dá resposta a controversias nun prazo relativamente breve, con menor custo e garantindo a confidencialidade das partes.

A Corte Arbitral do Noroeste, que depende da CEC, administra as arbitraxes ás que se sometan as empresas da provincia da Coruña, segundo o disposto na lexislación vixente neste ámbito. Esta ferramenta creouse en 2009 por parte da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal e na actualidade ampliou a súa área de influencia a toda a provincia coruñesa.

Imaxes relacionadas