A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez salienta que mentres a Xunta conxela as peaxes, o Goberno de España imporá aos galegos unha nova suba do 4% na AP-9 e na AP-53

Vázquez Mourelle lamenta que o Executivo central non atendese a demanda de Galicia de evitar o incremento das peaxes estatais e se quede nun “remendo de última hora insuficiente”

Lembra que os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen unha partida de 4,8M€ para conxelar e bonificar as peaxes das autoestradas autonómicas, que seguirán a ser das máis baixas de España

Denuncia que nun momento económico complicado, o Goberno de España renuncie a facer un esforzo e evitar calquera suba de tarifas nunhas autoestradas estatais que continuarán entre as máis caras do país

Destaca a improvisación do Executivo estatal, que continúa sen aclarar que vai pasar coas bonificacións dos carburantes e cos descontos dos autobuses urbanos e interurbanos
 

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salienta que mentres a Xunta conxela as peaxes, o Goberno de España imporá aos galegos unha nova suba do 4% nas autoestradas estatais AP-9 e AP-53. 

A conselleira lamentou que o Executivo central decidise non atender a demanda social de Galicia, da Xunta e dos parlamentos autonómico e nacional, de evitar un novo incremento das peaxes estatais. Segundo dixo, as medidas coñecidas a día de hoxe quedan nun “remendo de última hora insuficiente”. 

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Ethel Vázquez remarcou que os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen unha partida de 4,8M€ para conxelar e bonificar as peaxes das autoestradas autonómicas, a que conecta A Coruña e Carballo (AG-55) e a do Val Miñor (AG-57). 

Destacou que en 2023, coa conxelación das peaxes e o mantemento das bonificacións, as autoestradas de competencia da Xunta seguirán a ter as tarifas máis baixas de España. Precisou que de non ter adoptado medidas a tempo o 1 de xaneiro, estas peaxes teríanse incrementado un 7%.

 Fronte a esta planificación da Xunta, lamentou que nun momento económico complicado, o Goberno de España renuncie a facer un esforzo e evitar calquera suba de tarifas nunhas autoestradas estatais que continuarán en 2023 entre as máis caras do país.
 
 Vázquez Mourelle incidiu en que a Xunta leva varios meses requirindo ao Goberno central que colla o exemplo do Goberno galego e adopte medidas para conter unha suba histórica das peaxes das autoestradas de competencia estatal en Galicia.
 
A conselleira destacou a improvisación do Executivo estatal, que continúa sen aclarar, por outra banda, que vai pasar coas bonificacións dos carburantes e cos descontos dos autobuses urbanos e interurbanos. 

Ethel Vázquez contrapuxo isto coa planificación da Xunta, que xa incluíu nos seus Orzamentos unha dotación de 3,5 M€ para garantir a viabilidade do servizo público de transporte de viaxeiros ante o incremento de gasto derivado do custo dos combustibles. 

Estrada en San Vicente de Leira

Por outra parte, a conselleira tamén respondeu hoxe no Parlamento a unha pregunta sobre a estrada OU-0807 en San Vicente de Leira, no concello de Vilamartín de Valdeorras, unha vía de titularidade provincial ao formar parte da rede de estradas da Deputación de Ourense. 

Sinalou que a Xunta está a seguir con atención as solucións nas que está a traballar a Deputación de Ourense, financiando un servizo de autotaxi que garante unha mellor mobilidade dos veciños. 

Apuntou que a administración provincial tamén ten previsto actuar na vía de acceso a este núcleo, como se ten comprometido co Concello de Vilamartín de Valdeorras. 

 

Imaxes relacionadas