Rueda avanza que a Oferta de Emprego Público da Administración Xeral para 2022 ascende a 1.124 prazas, das cales 702 son de acceso libre

Destaca que a Xunta “hai anos” que solicitou sen éxito ao Goberno central que eliminase a taxa de reposición para poder convocar máis postos de traballo

Subliña que a oferta tamén inclúe 422 prazas de promoción interna

O maior número de prazas concéntrase na escala técnica de orientación laboral (130 prazas) ou na especialidade de persoal de limpeza e cociña (70 prazas)

No eido administrativo destacan 50 prazas para o corpo administrativo (C1) e outras 50 para o auxiliar (C2)

Por outra banda, prevese a convocatoria de 1.349 prazas para continuar coa terceira fase do proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo
 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o decreto de oferta de emprego público (OEP) da Administración xeral da Comunidade Autónoma para o ano 2022 que ascende a 1.124 prazas, das que 702 prazas son de acceso libre e 422 de promoción interna. “Isto permitirá reforzar o cadro de persoal da Xunta e garantir o dereito á promoción profesional dos empregados públicos”, indicou.

 

Rueda resaltou que Galicia “hai anos” que reclama ao Goberno central “a eliminación dunha taxa de reposición” que só permite “ofertar prazas para cubrir baixas por xubilación, falecemento, excedencia ou renuncia”. O presidente lamentou que malia estas peticións compartidas co resto das CC.AA., o Executivo central desoíu reiteradamente todas as peticións.

 

Con esta nova oferta de prazas, o Goberno galego esgota un ano máis a taxa de reposición imposta polo Goberno central a todas as administracións.

 

O decreto apróbase logo de recibir o voto favorable dos sindicatos CC.OO. e UXT e será publicado nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta oferta de prazas ten a finalidade de garantir a posibilidade de que calquera persoa que cumpra os requisitos poida acceder a un posto de traballo de alta calidade na Xunta de Galicia, garantir tamén o dereito á promoción profesional dos empregados públicos, e continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo.

 

Prazas de acceso libre

O maior número de prazas de acceso libre concéntrase na escala técnica de orientación laboral con 130 prazas, e na especialidade de persoal de limpeza e cociña con 70 prazas. Tamén se inclúen 55 prazas para a escala de persoal de servizos xerais (PSX), 38 prazas para a escala de axentes técnicos en xestión ambiental, 30 prazas para a escala de auxiliar de clínica, 25 prazas para a escala de axentes técnicos facultativos especialidade educación infantil e 25 prazas para a escala de veterinarios.

 

En canto ao eido administrativo destacan 30 prazas para o corpo superior (A1), 30 para o corpo de xestión (A2), 50 prazas para o corpo administrativo (C1), 50 para corpo auxiliar (C2), ou outras 45 prazas para a agrupación profesional (AP) escala de subalterno.

 

A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos exixidos nas correspondentes convocatorias; as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición, garantindo a aplicación dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e respectando a libre concorrencia.

 

Promoción interna e funcionarización

Ás prazas de acceso libre súmanse outras 422 prazas para a promoción interna de persoal funcionario, uns procesos reservados a empregados públicos que xa son funcionarios e que poden acadar un ascenso ou promoción profesional a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución.

 

Finalmente, tal e como anunciou Rueda tamén se prevé a convocatoria doutras 1.349 prazas para continuar coa terceira fase do proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo pactado no Acordo de concertación para a mellora das condicións do emprego público, asinado en 2019 cos sindicatos CC.OO. e UXT.

 

A diferenza da promoción interna, estas probas non teñen carácter competitivo, senón que permitirán modificar o réxime xurídico do traballador, que pasará de ser empregado laboral fixo a funcionario de carreira da Administración.

 

Imaxes relacionadas

Sons relacionados

  • Declaracións do presidente da Xunta de Galicia