A Xunta recibe 12 ofertas para executar a 2ª fase de acondicionamento da AC-862, entre O Campo do Hospital e A Ponte Mera, que suporá un investimento de case 6,8 M€

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar na primavera esta nova actuación, que ten un prazo de execución de 18 meses

As obras culminarán a reforma do eixe viario San Sadurniño-Ortigueira, acadando un investimento autonómico total de case 15 M€

Intervirase en preto de 3 km para mellorar a seguridade viaria, coa rectificación de 13 curvas de radio reducido, cunetas de seguridade e carrís lentos de adiantamento

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 12 ofertas para executar as obras da 2ª fase de acondicionamento da estrada AC-862, entre O Campo do Hospital e A Ponte Mera, que suporá un investimento de case 6,8 M€.

 

Das 12 ofertas presentadas a esta actuación, 6 delas están conformadas por UTE, de forma que son, en total, 18 as empresas interesadas na execución destas obras.

 

Mediante esta nova actuación, a Xunta culminará a transformación do eixe San Sadurniño-Ortigueira, acadando un investimento total de case 15 M€.

 

A Xunta traballa co obxectivo de iniciar estas obras xa na primavera, cun prazo de execución de 18 meses. Trátase de rematar o acondicionamento da AC-862 entre San Sadurniño e Ortigueira, dando continuidade ás obras da 1ª fase de acondicionamento da AC-862, executada nun treito de 18 km entre San Sadurniño e O Campo do Hospital cun investimento autonómico de case 7,2 M€.

 

As obras da 2ª fase de acondicionamento mellorarán a estrada AC-862 entre O Campo do Hospital e A Ponte Mera, reforzando a seguridade, tanto para o tráfico rodado, como para os demais usuarios da estrada.

 

As intervencións seguirán similar liña ás executadas no 1º treito, seguindo as mesas características técnicas, coa rectificación de 13 curvas con radio reducido, a execución de cunetas de seguridade e a dotación de carrís lentos nos treitos en pendente que faciliten os adiantamentos.

 

Máis en detalle, as obras proxectadas pola Xunta comprenden actuacións en preto de 3 km da AC-862 para completar o acondicionamento desta vía autonómica ata Ortigueira, no tramo situado entre os puntos quilométricos 37+240 e 40+500, ao seu paso polos concellos de Ortigueira, Cerdido e Cedeira.

As actuacións previstas nesta 2ª fase teñen como obxectivo a mellora da seguridade viaria, tanto desde o punto de vista do tráfico rodado como dos demais usuarios da estrada.

Tamén se prevé a rectificación puntual de trece curvas de radio reducido, a rehabilitación do firme, a realización de cunetas de seguridade a modo de sobreancho practicable e a mellora xeral da vía coa ampliación da plataforma, dotando de carrís lentos treitos en pendente que permitan adiantamentos.

 

Na intervención inclúese a disposición de barreiras nos bordos da vía onde a altura de recheos supere os 3 metros de altura e a instalación de dispositivos de protección a motocicletas naquelas zonas que sexan de radio reducido. Tamén se procederá á retirada de toda a barreira nos treitos onde se comparta a sección coa plataforma actual, dado que se amplían as beiravías, e renovarase a sinalización horizontal e vertical en todo o tramo da actuación.

 

No marco da intervención executaranse tamén dúas obras de drenaxe transversal da estrada, nos puntos quilométricos 37+852 e 39+057, e o drenaxe lonxitudinal dos camiños de servizo.