A Xunta recibe 7 ofertas para executar a nova vía de conexión da aldea de Fafián de Ribeira, un investimento de 860.000 € para dar comezo á variante

A intervención comezará a principios da primavera e terá un prazo de execución de 12 meses

A vía, de 220 metros, comezará na conexión coa estrada DP-7305 mediante unha glorieta de 34 metros de diámetro e finalizará en Fafián, cunha intersección en “T”

A nova vía permitirá captar un tráfico de 4.300 vehículos diarios, o 3,4% pesados

Para a súa execución serán necesarias as expropiacións de 10 fincas, cun custo de 220.000 €, polo que en poucas semanas se convocarán os actos expropiatorios

A actuación correspóndese coa parte inicial do 3º treito da Variante de Ribeira, unha infraestrutura que no seu conxunto suporá un investimento autonómico de 10,3 M€

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2022

A Xunta recibe 7 ofertas para executar as obras da nova vía de conexión coa aldea de Fafián, que suporán un investimento de máis de 860.000 euros e constitúen o primeiro paso para facer realidade a Variante de Ribeira.

Na primavera de 2024 os veciños disporán dun pequeno treito de 220 metros que forma parte da Variante de Ribeira, unha infraestrutura clave que dotará o núcleo urbano dunha vía que de oeste a sur conecte a autovía do Barbanza e a AC-550 coa estrada da costa.

No que se refire ás características técnicas da nova vía, trátase dunha conexión entre a estrada provincial DP-7305, que conecta Ribeira con Aguiño a través de Carreira, e a aldea de Fafián.

A nova vía terá 220 metros de lonxitude, comezando na conexión coa estrada da deputación mediante a execución dunha glorieta de 34 metros de diámetro e finalizando en Fafián, cunha intersección en “T”.

Esta vía de novo trazado disporá de 2 carrís de 3,5 metros de ancho e beirarrúas de 2,10 metros. As beirarrúas na marxe da estrada garantirán un itinerario peonil continuo e seguro para o tránsito dos veciños.

Como intervencións complementarias, procederase á reposición do firme dos viarios urbanos afectados; e á reposición dos camiños de servizo, executando dous pequenos treitos para garantir o acceso ás leiras.

Ese pequeno tramo de 220 metros de nova vía permitirá captar un tráfico estimado de case 4.300 vehículos, o 3,4 % de vehículos pesados.

Variante de Ribeira

Esta actuación correspóndese coa parte inicial do 3º treito da Variante de Ribeira, cuxo proxecto de trazado completo se aprobou en agosto. Supón, desde xeito, o primeiro paso para facer realidade a Variante de Ribeira, que suporá un investimento autonómico conxunto de 10,3 M€.

Os Orzamentos da Xunta de 2023 reservan 1,5 M€ para avanzar nas expropiacións e no proxecto construtivo e licitación das obras da 1ª fase, entre a AC-550 e a avenida da Constitución, e con partidas plurianuais ata 2025 que acadan os 6,5 M€.