A Xunta activa o convenio con Farmamundi para a mellora do acceso á atención sanitaria na gobernación de Ma´rib no Iemen

A través do proxecto reforzarase a subministración de medicamentos de urxencia a tres centros de saúde, así como as capacidades do persoal sanitario en xestión de riscos nun contexto de crise humanitaria aguda

O Goberno galego achega 24.100 euros co obxectivo de beneficiar case 8.500 persoas, na súa meirande parte desprazadas internas
 

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2022.-

A Xunta vén de activar o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia a prol da mellora no acceso á atención sanitaria na gobernación de Ma´rib, no Iemen. Investiranse 24.100 euros para reforzar a subministración de medicamentos de urxencia a tres centros de saúde e para o fortalecemento das capacidades de 15 membros do persoal sanitario en xestión de riscos en saúde nun contexto de crise humanitaria aguda.

Agárdase que o proxecto beneficie case 8.500 persoas, a meirande parte delas desprazadas internas. A selección da poboación responde ao diagnóstico realizado por Social Development Hodeida Girls Foundation (SDHGF), socio local de Farmamundi na zona, en coordinación coas autoridades locais e a Oficina de Saúde da Gobernación. Participaron tamén os centros de saúde públicos implicados e o coordinador do clúster de saúde de Ma´rib.

Con esta iniciativa dáselle continuidade á intervención do pasado verán na Gobernación de Taiz e que se enmarcaba tamén na estratexia global de mellorar o sistema público de saúde. O proxecto en Ma’rib pecha as intervencións previstas pola Xunta ao abeiro do convenio con Farmamundi para este ano. Nos últimos exercicios asináronse 12 acordos anuais de resposta ante emerxencias con esta organización, por un monto de 939.044 euros.

Con 30,8 millóns de habitantes, no Iemen preto do 76% da cidadanía precisa dalgún tipo de asistencia humanitaria, segundo os últimos datos de ACNUR. A poboación civil vese afectada por anos de conflito bélico, enfermidades, inseguridade alimentaria e un severo declive económico que está a levar ao país a unha situación de colapso dos servizos esenciais. A escaseza de recursos humanos, equipos e subministracións está a obstaculizar a prestación de servizos de saúde, con especial impacto na atención a mulleres e menores.

Atención ás poboacións máis vulnerables

O obxectivo é realizar as actuacións que ambas partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).