A Xunta comezará esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada autonómica PO-531, no concello de Pontevedra

Estas intervencións súmanse ás que se están a levar a cabo nas últimas semanas nun total de oito estradas nas provincias da Coruña, de Lugo e de Ourense

Desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia, a través da encomenda á empresa pública Seaga
 

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2022

A Xunta comezará este luns novos traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada autonómico PO-531, no concello de Pontevedra. 

Estas novas intervencións súmanse ás que se están a levar a cabo nas últimas semanas nas estradas da Xunta nas catro provincias. 

Deste xeito, tamén desde o luns, continuarase coas tarefas xa iniciadas nas pasadas semanas na autovía AG-59 en Teo; e na vía de altas prestacións VG-1.3 no seu percorrido polos municipios de Oleiros, Cambre e Sada. 

Ademais, proseguirán os traballos na estrada LU-751, nos municipios lucenses de Meira e en Ribeira de Piquín. 

A próxima semana seguirán tamén as tarefas de roza e limpeza en execución nas marxes de 5 estradas autonómicas ao seu paso pola provincia de Ourense. 

Máis en concreto, estas intervencións están a desenvolverse na estrada OU-114, en Verín; na OU-810, en Padrenda; ou na OU-121 no Barco de Valdeorras. Tamén seguirán estas limpezas nas estradas OU-525 en Taboadela e na OU-320 en Sandiás e en Allariz.

Prevención e reforzo da seguridade

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria

Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

Como novidade na encomenda de 2022, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais. 

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

 
 

Imaxes relacionadas