‘A mística da feminidade en Mad Men’, de Xosé Antón Cascudo, gaña o XXII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

O certame é organizado pola Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega

A obra galardoada reflexiona sobre a cuestión de xénero a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

A obra A mística da feminidade en Mad Men, de Xosé Antón Cascudo, resultou gañadora do XXII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, que organizan conxuntamente a Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director de Edicións de Galaxia, Marcos Calveiro, participaron esta mañá na reunión do xurado que decidiu a obra galardoada. O premio está dotado con 3.000 euros e coa publicación do ensaio na Editorial Galaxia durante o próximo ano.

 

O xurado valorou en A mística da feminidade en Mad Men a súa aposta polo ensaio desde a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema. Escrito cun estilo ensaístico moi ben perfilado, o ensaio achega unha proposta que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo.

 

Os integrantes do xurado salientaron, así mesmo, a variedade e o interese do conxunto de traballos presentados a concurso, o que amosa a vitalidade do xénero ensaístico en Galicia e a solidez da traxectoria deste certame, polo que levan apostando desde hai máis de dúas décadas a Editorial Galaxia e o Goberno galego.

 

O autor do ensaio, Xosé Antón Cascudo (Guitiriz, 1976) é profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, ademais de poeta (publicou en 2007 Manual do misántropo en Espiral Maior) e director de documentais. Licenciado en Historia da Arte, é tamén doutor en Filosofía e un dos máis estimados estudosos galegos do eido audiovisual.

Imaxes relacionadas