A Xunta inicia as obras de emerxencia para reparar a tubaxe danada na estrada PO-534 en Forcarei

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá o comezo dos traballos

A actuación está a iniciarse coa demolición do firme danado, para o baleirado do terraplén mediante escavación para a conformación dun camiño de acceso a medida que se vaia descendendo ata chegar á tubaxe

A Xunta pretende substituír a tubaxe deteriorada, de 3 metros de diámetro e 35 de lonxitude, por unha prefabricada de formigón

O prazo de execución dos traballos estímase en varias semanas, condicionado polas circunstancias meteorolóxicas e o subministro dos materiais

Será preciso retirar un gran volume de terra, xa que o terraplén ten 20 metros de altura, que se acopiará na mesma zona para a súa posterior reutilización na reconstrución da vía

Forcarei (Pontevedra), 26 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, iniciou na xornada de hoxe as obras de emerxencia para reparar a tubaxe danada na estrada PO-534, no treito entre Cachafeiro e Folgoso, no concello de Forcarei.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, supervisou esta mañá o comezo destas obras.

 

A actuación está a iniciarse coa demolición do firme na zona afectada polo deterioro da tubaxe inferior, que corría risco de derrubo, para o baleirado do terraplén mediante escavación para a conformación dun camiño de acceso a medida que se vaia descendendo ata chegar á tubaxe danada.

 

Paralelamente, tamén se iniciou a retirada de materiais para proceder á corrección de fendas e do firme deteriorado e para chegar ata a tubaxe que precisa ser substituída. Está previsto que todo este material, que se estima que terá un volume considerable xa que o terraplén ten 20 metros de altura, se acopie nesta mesma contorna para proceder á súa reutilización nos posteriores traballos de reconstrución da estrada.

 

A continuación, reemprazarase a tubaxe de arco metálico, de 3 metros de diámetros e 35 de lonxitude, que servía para canalizar un regato que pasa pola parte inferior da calzada e que presentaba sinais de deterioro.

 

A intervención de emerxencia céntrase en substituír esta tubaxe por outra prefabricada de formigón, xa que permite acelerar os prazos da obra e ten unha gran durabilidade.

 

“Xa se está a mirar a posibilidade de dispoñer desta gran peza e, se xa a hai no mercado, adiantará a obra, posto que non será necesario encargala de xeito específico”, indicou o representante autonómico, que lembrou que o prazo estimado das obras será de varias semanas, condicionado ás circunstancias meteorolóxicas e ao subministro dos materiais.

 

Deste xeito, as obras consistirán no fresado do firme da estrada, o baleirado do terraplén coa correspondente escavación e conformación dun camiño de acceso, a retirada do tubo danado, a execución do novo paso do regato, a reconstrución do terraplén e, xa ao remate, a disposición do firme e a súa sinalización.

 

Este tramo de case cinco quilómetros entre Cachafeiro e Folgoso, pertencente á estrada autonómica PO-534 Lalín-Folgoso, permanece pechado ao tráfico desde o pasado martes para evitar danos ante o risco de derrubo.

 

Para garantir a mobilidade na zona, habilitáronse e sinalizáronse os desvíos alternativos a través da estrada EP-7106, que conecta a nacional coa contorna do campo de fútbol de Forcarei; e a través da propia N-541 ata Vilapouca, completando o percorrido pola PO-536 ata Cachafeiro.

Imaxes relacionadas