O Bono Activa Comercio da Xunta xa mobilizou 1,23 M€ en compras nos establecementos de Vigo

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá na presentación da campaña de Nadal de Aetravi, que se manterá aberta ata o 5 de xaneiro

Vigo, 27 de decembro de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá en Vigo na presentación da campaña de Nadal do centro comercial aberto das Travesas (Aetravi). Alí destacou o papel das asociacións de comerciantes no impulso dos negocios locais e o seu esforzo por achegar novos servizos aos consumidores.

 

A campaña, que se mantén ata o 5 de xaneiro, prevé o sorteo de 6.000 euros en vales agasallo entre os clientes dos establecementos adheridos, dentro do programa de axudas que a Xunta ofrece aos centros comerciais abertos e que conta cunha dotación de 2,25M€.

 

Deste xeito, complementa outras accións realizadas polo Goberno galego para impulsar o comercio local, como o Bono Activa Comercio que ten en Vigo a cidade co maior número de usuarios (19.276) e que xa mobilizou 1,23M€ en compras en establecementos de proximidade deste concello. En Galicia xa se superan os 13,7M€ de mobilización neste programa que estará vixente ata o 31 de decembro.

O comercio é un sector estratéxico tanto para a economía como para a calidade de vida das vilas e cidades galegas. Por iso, os orzamentos para 2023 destinan 24 millóns de euros de investimento para promover a modernización e a competitividade do comercio de proximidade, impulsando a dixitalización e comercio en liña e a sustentabilidade, entre outros obxectivos.

Imaxes relacionadas