A Xunta colaborou coas entidades locais na mellora dunha trintena de parques infantís ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou hoxe o novo parque infantil de Curtis, que contou cunha achega de 40.000 euros por parte do Goberno galego no marco desta liña de axudas

Co novo espazo de lecer búscase favorecer a interacción social da rapazada e o intercambio xeracional nun municipio en constante crecemento demográfico

Ao abeiro das distintas medidas de apoio ás administración locais, o concello de Curtis recibiu máis de 1,8M€ nos últimos anos

A orde de infraestruturas de uso público manterá o orzamento de 3,5M€ o próximo ano para levar a cabo actuacións como as 108 realizadas neste exercicio

Curtis (A Coruña), 28 de decembro de 2022

A Xunta consolida o apoio aos concellos para a construción e mellora de infraestruturas cun investimento de 3,5M€ nos orzamentos do vindeiro ano. Indicouno o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nunha visita realizada ao municipio coruñés de Curtis xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Ambos achegáronse ao novo parque infantil, construído cunha achega de 40.000 euros por parte do Goberno galego.

 

A mellora de parques infantís é precisamente unha das actuacións que financia esta liña de axudas cunha trintena de iniciativas como a visitada hoxe en Curtis realizadas ao longo deste exercicio. En total, ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público adxudicáronse este ano 108 axudas destinadas a melloras en parques infantís, instalacións deportivas e edificios ou dependencias municipais, así como a pavimentación de camiños públicos municipais.

 

Segundo sinalou Calvo, a Xunta leva investidos nos últimos anos nesta orde máis de 44M€ para financiar 1.480 proxectos en toda Galicia. Dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes, a iniciativa permítelles ás administracións locais mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Neste exercicio realizáronse 108 iniciativas

 

No caso de Curtis, a axuda outorgada serviu para poñer á disposición da veciñanza un novo parque infantil no núcleo de Teixeiro. O obxectivo é satisfacer as necesidades dunha área que está a rexistrar un constante crecemento demográfico e un incremento da poboación infantil.

 

O novo parque sitúase no mesmo espazo que outras dotacións municipais de lecer e deportivas, como a piscina ou o pavillón e diferentes pistas, así como preto dun centro educativo de educación infantil e primaria. Búscase así favorecer a interacción social da rapazada e o intercambio xeracional, xa que na zona tamén hai un punto de exercicio saudable para adultos e outro de descanso, con mesas e bancos. Nesta liña, apostouse tamén pola instalación de diferentes elementos de xogo de uso colectivo e colocouse dunha cuberta que facilita o desfrute do lugar ao longo de todo o ano.

 

Apoio tamén en materia de sustentabilidade

Ademais desta axuda enmarcada na Orde infraestruturas de uso público, o concello de Curtis recibiu neste exercicio máis de 34.000 euros para a adquisición dun vehículo eléctrico, un cargador e unha peaña. A achega realizouse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, destinado ao funcionamento de servizos municipais a prol da protección do medio ambiente. Na súa visita á localidade, Diego Calvo e Natalia Prieto tamén coñeceron esta instalación que aposta polas enerxías renovables.

 

No marco do apoio ás administracións locais, Curtis recibiu nos últimos anos máis de 1,8M€ que se destinaron a distintos proxectos centrados na mellora de infraestruturas municipais e de recursos materiais e humanos para a protección do medio natural, entre outros temas.

 

Na súa visita, o vicepresidente segundo referiuse ao reforzo ao eido local por parte da Xunta nos orzamentos de 2023, cunha suba do 15% que sitúa esta partida por riba dos 20M€. Nesta liña, destacou a nova liña de axudas que se porá en marcha para financiar actuacións de eficiencia enerxética nas instalacións municipais, cunha dotación de 2,6M€. A medida cofinanciarase con fondos Feder co obxectivo de acadar concellos climaticamente neutros a través da modernización das infraestruturas municipais e a promoción das enerxías renovables.

Imaxes relacionadas