O presidente da Xunta presentou esta mañá a folla de ruta do sector no Centro de Tecnoloxías Avanzadas de Investigación para a Industria Mariña e Alimentaria (Cytma)

O Plan Estratéxico da Conserva 2022-2030 reforzará a calidade, o potencial exportador e a innovación dun sector crucial para a economía e o territorio

Rueda subliña que o obxectivo é que a industria conserveira galega siga a ser un sector “punteiro e referente” malia os retos e dificultades do contexto económico

Resalta a colaboración “público-privada” para impulsar unha Estratexia que inclúe 80 medidas para actuar en sete eixos como a financiación, a produción, a comercialización, a exportación, o emprego, a I+D ou a reputación social

Explica que o Plan contempla impulsar a dixitalización, promocionar o produto local, reforzar a formación neste eido ou melloras na xornada laboral para garantir a remuda xeracional

Resalta que Galicia é unha potencia mundial no sector da conserva pois dá traballo a 12.000 persoas na comunidade e factura 2.500 M€ ao ano

Demanda ao Goberno central que tamén reduza o IVE do peixe e da carne dado que son alimentos básicos da cesta da compra dos galegos
 

Vigo, 28 de decembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou esta mañá en Vigo o Plan Estratéxico da Conserva 2022-2030, unha folla de ruta coa que o Goberno galego busca reforzar a calidade, o potencial exportador e a innovación dun sector crucial para a economía e o territorio galego. O obxectivo é que, malia os retos e dificultades do actual contexto económico, “a industria conserveira galega siga sendo a industria punteira e referente que sempre foi”, resaltou.

 

Trátase dunha planificación, elaborada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (Anfaco-Cecopesca), que inclúe arredor de 80 medidas para consolidar Galicia como un referente mundial neste eido. Vaise actuar en sete eixos: a financiación, a produción, a comercialización e exportación, a I+D+i, no emprego e na reputación social. “É certo que Galicia leva feito moito na industria conserveira, pero o espírito de superación ten que ser sempre unha constante”, indicou Rueda, quen destacou a importancia da “colaboración público-privada” en iniciativas coma esta.

Para seguir avanzando e mellorando neste eido, o Plan Estratéxico da Conserva 2022-2030 conta con medidas e propostas específicas para diversificar os mercados e chegar a máis lugares fóra da Unión Europea; poñer en valor a produción de proximidade e as marcas históricas; avanzar na dixitalización -mediante o impulso do comercio eléctrónico, a robotización ou a I+D+i-; atraer talento e garantir a remuda xeracional -mediante o reforzo da FP Dual vencellada co sector ou implantando a xornada laboral de 32 horas- ou para promocionar e fomentar a dieta atlántica.

 

Rueda resaltou que con esta folla de ruta para os vindeiros anos, Galicia demostra que quere seguir avanzando e mellorando nun sector no que xa é unha potencia mundial. Neste sentido, o presidente da Xunta lembrou que “sete de cada dez quilos de conserva exportados en España saen de Galicia”; que as conserveiras galegas “facturan ao ano 2.500 M€”, dan traballo a 12.000 persoas e que son un motor clave para a economía de moitas comarcas como a de Vigo, o Morrazo, a Costa da Morte ou o Barbanza.

 

Defensa do sector pesqueiro

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta subliñou que a Administración galega sempre está a carón dun sector tan importante para Galicia como o pesqueiro. Neste sentido, lamentou a regulación europea que supuxo o veto á pesca de fondo e que afecta a parte da frota galega e que o Goberno central aposte por unha normativa de costas cada vez máis restritiva.

 

Ademais, lamentou que a rebaixa do IVE en alimentos básicos que acaba de anunciar o Executivo do Estado non inclúa ao peixe nin a carne entre eles pois son alimentos básicos da cesta da compra dos galegos. “É preciso un cambio de fiscalidade nestes produtos que son considerados esenciais”, indicou.

 

Imaxes relacionadas