O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, visitou hoxe as instalacións do laboratorio de biotecnoloxía vexetal Cultigar

A Xunta avanza no convenio coa Fundación Paideia para o desenvolvemento dun proxecto de cara á mellora do material forestal de reprodución

A Consellería do Medio Rural colabora con Cultigar e co Centro de Investigación Forestal de Lourizán para a mellora xenética de carballos e bidueiros

Para levar a cabo este proceso cómpre seleccionar os mellores exemplares das dúas especies de cara á súa explotación forestal

Brión (A Coruña), 28 de decembro de 2022

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, visitou hoxe as instalacións do laboratorio de biotecnoloxía vexetal Cultigar -no concello coruñés de Brión-, onde se está a desenvolver un proxecto para a mellora do material forestal de reprodución. Trátase dun convenio de colaboración entre a Fundación Paideia, o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, cunha aportación da Xunta de máis de 173.000 euros. O proxecto -que ten unha vixencia ata o ano 2024- céntrase na mellora xenética do carballo e do bidueiro, para reproducir in vitro exemplares óptimos e resistentes destas especies.

 

No relativo aos carballos, o proxecto ten como obxectivo continuar coa reprodución e mantemento in vitro dos descendentes de 20 xenotipos de Quercus Robur. Estase a realizar no viveiro de Cultigar e no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, situado en Pontevedra. Actualmente, estase a manter un cultivo in vitro de ao redor de 2.100 brotes repartidos en 65 xenotipos de carballo distintos. No ano 2021 transferíronse ao CIF de Lourizán 215 plantas en bandexa, das que se pasaron a campo 128. A estas sumáronse 43 plantas procedentes do viveiro de Cultigar. Así, finalmente, plantáronse un total de 171 carballos en marzo de 2022.

 

Deste xeito, ao longo deste ano continuouse co enraizamento e aclimatación dos diferentes xenotipos para conseguir maior número de copias e poder instalar un horto clonal -un tipo de horto creado con material vexetativo, como enxertos ou estacas, de fenotipos seleccionados, neste caso de carballos-.

 

Cómpre lembrar que todos os xenotipos que se seleccionaron para ser multiplicados in vitro foron escollidos polas súas boas calidades de cara á explotación forestal. A metade desta plantación enviarase ao viveiro da Falmega, en Oroso, dependente da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, para pasalas a maceta, mentres que o resto quedará en Cultigar para ser sometido ao mesmo proceso.

 

Plantación de bidueiros

Cos bidueiros acontece unha situación semellante. Actualmente, estanse a desenvolver traballos nas parcelas de Bóveda e Pígara, na provincia de Lugo, intentando reproducir os mellores exemplares mediante cultivo in vitro e poder establecer un horto clonal que produza sementes de calidade.

 

Neste caso, ademais da Consellería do Medio Rural, do CIF de Lourizán e de Cultigar, precísase da colaboración en conxunto doutras entidades, como a Universidade de Santiago de Compostela, a empresa pública Seaga, do Grupo Tragsa e o Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira.

 

O centro de Lourizán participará nos traballos de identificación dos pés plantados nas parcelas e na caracterización fenotípica para seleccionar os mellores exemplares. Por outra banda, Cultigar encargarase de poñer a punto o cultivo in vitro dos biduieros e estudará a súa viabilidade.

 

Plan forestal

Estas actuacións desenvólvense no marco do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, no seu Eixe 1 sobre contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais que establece concretamente a aposta pola conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais.

 

Ademais, en relación co Eixe 4, sobre os recursos forestais e a cadea monte-industria, este convenio desenvolve traballos vinculados co Programa de fomento da produción de madeira de frondosas de alto valor (castiñeiro, nogueira, cerdeira, bidueiro).

Imaxes relacionadas