Fernández-Tapias salienta o éxito do programa EBici en Vigo como a cidade de Galicia que máis axudas recibiu para a compra de bicicletas e anuncia unha nova edición en 2023

A delegada da Xunta en Vigo destacou a iniciativa que permitiu conceder 320 achegas para impulsar a mobilidade sostible na cidade

“Tivo unha grandísima acollida entre a cidadanía viguesa, que case obtivo o 20% das axudas aprobadas en toda Galicia e unha de cada tres na provincia”

Vigo, 29 de decembro de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este xoves que o Goberno galego renovará o programa EBici para a compra de bicicletas con pedaleo asistido tras o “rotundo éxito” da iniciativa que converteu á cidade olívica na localidade con maior número de achegas aprobadas.

 

“Foi un auténtico éxito e tivo unha grandísima acollida entre a cidadanía viguesa, que case obtivo o 20% das achegas aprobadas en toda Galicia e unha de cada tres na provincia de Pontevedra, e ademais cumpriu á perfección co obxectivo da Xunta de promover unha mobilidade máis saudable, sobre todo en distancias curtas e nas contornas urbana”, detallou a representante autonómica.

 

Así, explicou que Vigo foi a localidade galega que máis axudas solicitou e que máis axudas recibiu na primeira convocatoria do programa EBici. En total, foron 320 axudas das 2009 aprobadas para a compra de bicicletas en toda Galicia, o que supón máis de 150.000 euros do total de 1 millón de euros co que contou a iniciativa en 2022.

 

Ademais, a área territorial de Vigo tamén foi a que máis axudas recibiu cun total de 527, repartidas da seguinte maneira: Vigo (321), Cangas (44), Nigrán (29), Baiona (22), Redondela (19), Ponteareas (16), Gondomar (16), Moaña (15), Mos (14), O Porriño (14), Salvaterra (7), Salceda (5), Sotomaior (3), Pazos de Borbén (1) e Fornelos de Montes (1).

 

Fernández-Tapias visitou con tal motivo o establecemento Bici O Con, situado en Vigo e co maior número de ventas de Galicia, un total de 150, no marco do programa posto en marcha pola Xunta de Galicia.

 

Case 2 millóns mobilizados


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conseguiu mobilizar 1,95 millóns de euros con este programa Ebici grazas a unha partida dun millón en axudas tras ampliar o crédito inicial polo éxito da convocatoria. Na provincia de Pontevedra estas cifras eleváronse a 953.979 euros en investimentos e 475.987 euros en subvencións autonómicas a prol dos usuarios.

 

O departamento autonómico xa anunciou que, ante a gran resposta da cidadanía, haberá unha segunda convocatoria desta orde de axudas para adquisición de bicicletas eléctricas de pedaleo asistido o vindeiro ano e, posiblemente, verá a luz no primeiro semestre do exercicio coa mesma partida de 1 millón de euros.

 

Imaxes relacionadas