A Xunta destaca a importancia para a comarca do Deza de axudas como as de plans de mellora e incorporación de mozos

Lalín (Pontevedra), 29 de decembro de 2022.-

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu hoxe unha xornada informativa en Lalín sobre distintas axudas da Xunta que buscan contribuír ao futuro do rural galego, especialmente en comarcas como a do Deza. Así, referiuse ás achegas destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións, que contaron cun orzamento global de 37,5 millóns de euros este ano.

O director salientou que con estas subvencións búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción, co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural. A maiores, Balseiros referiuse á Política Agraria Común, lembrando que a Xunta anticipou este verán as axudas directas da PAC que adoitan cobrarse en outono, por un montante duns 200 millóns de euros grazas á subvención dos xuros por valor de 3,4 millóns de euros. 

 

Imaxes relacionadas