O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde da localidade lucense, Francisco Cajoto

A Xunta propón ampliar a cesión da residencia de maiores de Foz ao concello para que a poida seguir xestionando

Volvéuselle ofrecer esta solución para garantir a continuidade do servizo tal e como se está prestando na actualidade

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2022 

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión co alcalde do Concello de Foz, Francisco Cajoto, na que abordaron a situación da residencia de maiores desta localidade lucense. Nesta xuntanza, á que tamén asistiron representantes dos grupos municipais do PP e do BNG, estudáronse solucións para garantir a continuidade deste servizo, toda vez que o convenio de cesión asinado entre as Administracións autonómica e municipal está próximo a rematar.

 

Perfecto Rodríguez propúxolle ao primeiro edil focense un novo acordo de cesión da infraestrutura por outros catro anos. Deste xeito, o Concello poderá seguir xestionando o centro tal e como o ven facendo na actualidade e facer unha nova licitación se así o considera oportuno. Con esta solución tamén se favorece ao persoal da residencia e aos seus usuarios, xa que garántese a continuidade en ambos os dous casos. Así mesmo, posibilítase que os veciños de Foz sigan tendo prioridade no acceso ás prazas deste centro.

 

Cómpre lembrar que a Xunta xa se ofreceu esta solución ao alcalde de Foz. Fíxoo de maneira presencial, nunha reunión celebrada en Santiago o pasado mes de xuño, e tamén por escrito en varias ocasións. En todas elas explicóuselle que non é posible que o Consorcio asumira a xestión da residencia tal e como o rexedor propoñía e que a opción pasa por prolongar a continuidade da cesión do centro para que o Concello, se o estima oportuno, licite de novo a súa xestión.

 

Petición municipal

As partes tamén acordaron estudar a situación patrimonial do inmoble para posibilitar a transmisión da propiedade ao Concello, tendo en conta a complexidade xurídica deste trámite.

 

Neste sentido, é importante lembrar que cando se formalizou o convenio entre o Concello de Foz e o Consorcio para o uso do inmoble —en xullo do ano 2017— atendeuse á petición feita por este de que sería a Administración local a que asumira a xestión integral do centro para, desta maneira, poder aplicar a normativa municipal e que a veciñanza de Foz tivera prioridade no acceso ás prazas. Tratábase así de dar unha solución aos usuarios do antigo asilo da localidade que estaba a piques de pechar.

Imaxes relacionadas