Rueda avanza a autorización do convenio para desenvolver a estación intermodal de Lugo, que suporá un investimento global de case 50 M€

Apela que as novas infraestruturas “veñan acompañadas dunha modernización das conexións ferroviarias con Lugo”

Resalta a Xunta vai asumir “integramente” a construción da nova estación de autobuses, cun investimento autonómico de 9 M€, e do aparcadoiro do complexo intermodal, que tamén contribuirá a financiar achegando, en total, 13,6 M€
A nova terminal distribuirase en dous andares: un a cota de dársenas, coas zonas de atención a viaxeiros e a cafetaría, e un superior para usos administrativos

A terminal contará con 23 dársenas e os autobuses accederán desde a glorieta da intersección entre as rúas Paradai de Arriba, Paradai de Abaixo, avenida Infanta Elena e rúa do Conde

O acceso dos viaxeiros realizarase na planta baixa desde o espazo de encontro do paso de cidade coa terminal de ferrocarril

O aparcadoiro subterráneo, cun orzamento de case 12,5 M€, será cofinanciado entre Adif e a Xunta, que asume o 37,5 % do custo e executará as obras conxuntamente coa estación de autobuses

A Xunta facilita a execución da estación intermodal achegando un investimento que supón case un 50 % máis do necesario para financiar a terminal de autobuses, que ten un orzamento de 9 M€

A intermodal inclúe, ademais, a nova estación ferroviaria, que lle corresponde executar e financiar a Adif, e o paso inferior peonil de cidade entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, que será financiado entre Adif e o Concello
 

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe da autorización do convenio de colaboración entre o Goberno galego, o Concello de Lugo e Adif para desenvolver a nova área de transporte intermodal da cidade. En conxunto, o proxecto suporá un investimento global de máis de 49,2 millóns de euros. “Agardamos que as infraestruturas veñan acompañadas dunha modernización nas conexións ferroviarias con Lugo. Non tería sentido construír unha área intermodal e manter os servizos de tren no estado actual”, explicou.

 

A sinatura deste acordo entre as tres administracións está prevista para os primeiros meses de 2023, logo de ser autorizada polo Consello da Xunta na súa reunión deste xoves. Así, tras a posta en servizo das intermodais de Ourense, Santiago e Vigo, xa ultimada a de Pontevedra e os avances na intermodal da Coruña, Rueda cualificou a decisión como “un paso máis para que todos lucenses” poidan desfrutar tamén dunha estación intermodal.

 

O Goberno galego tamén acordou iniciar a tramitación urbanística da nova estación de autobuses e do aparcadoiro da intermodal que tamén executará a Xunta, e que suporá un investimento autonómico de 13,6 M€.

 

Estas intervencións tramitaranse segundo o establecido na Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, que permitirá acurtar os prazos do procedemento.

 

O presidente da Xunta resaltou que o Goberno galego vai encargarse da “construción e financiación íntegra” da nova estación de autobuses”, para o que xa conta co proxecto redactado e que contará cun investimento de 9 M€.

 

A terminal terá unha superficie de 550 m2 e distribuirase en dous andares. Na cota de dársenas disporase un interior con espazos diáfanos no cal se atopen as zonas de atención a viaxeiros ou a cafetaría e o andar superior destinarase a usos administrativos e instalacións da xerencia da terminal.

 

O proxecto inclúe 23 dársenas que se disporán ordenadas lonxitudinalmente ao longo dunha plataforma que permite optimizar os percorridos dos viaxeiros que accederán desde a terminal.

 

A intervención prevé a diferenciación funcional de 18 dársenas, en espiña de peixe, e 5 dársenas de regulación para facilitar a xestión por parte das empresas durante os períodos de servizo dos vehículos.

 

No que se refire aos accesos, os autobuses dirixiranse ao interior da estación desde a glorieta que ordena a confluencia de tráfico procedente das rúas Paradai de Arriba, Paradai de Abaixo, avenida Infanta Elena e rúa do Conde e que dan acceso á parcela desde un dos extremos para permitir unha circulación no sentido das agullas do reloxo.

 

O acceso dos viaxeiros prodúcese na planta baixa desde o espazo público de articulación do paso de cidade coa terminal de ferrocarril, tanto cara ao norte como o sur.

 

Nunha área intermodal é clave a conexión entre os diferentes modos de transporte, polo que neste caso se resolve mediante un espazo público entre as terminais de ferrocarril e autobuses que, ao mesmo tempo, xera unha nova conexión por baixo das vías entre a cidade e a contorna inmediata que queda ao norte das vías.

 

Este proxecto será cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través do programa operativo Feder Galicia 2021-2027 e que se prevé asinar nos primeiros meses de 2023.

 

Área intermodal

No marco do proxecto da estación intermodal de Lugo habilitarase un aparcadoiro subterráneo, cuxo proxecto debe redactar o Adif, aínda que as obras serán executadas pola Xunta, conxuntamente coa estación de autobuses.

 

Este aparcadoiro subterráneo suporá un investimento de case 12,5 M€, que será financiado entre Adif e o Goberno galego, que asume o 37,5 % do custo, ademais da execución dos traballos.

 

A Xunta facilita a execución da estación intermodal de Lugo achegando un investimento que representa case un 50% máis do que lle correspondería para financiar a nova terminal de autobuses, que ten un orzamento de 9 M€.

 

A intermodal inclúe, ademais, a nova estación ferroviaria, cuxa redacción do proxecto e execución lle corresponde a Adif. Esta intervención inclúe un novo edificio e un paso inferior, que financiará integramente o organismo estatal, cun investimento de 16,1 M€.

 

A área intermodal tamén comportará a construción dun novo paso inferior peonil de cidade entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, elementos de comunicación vertical e urbanización asociada. O orzamento destas intervencións ascende a 11,6 M€ e será financiado nun 60 % por parte do Adif e nun 40 % polo Concello.

 

A Xunta remarca a necesidade de que a construción da estación intermodal vaia parella á modernización dos servizos ferroviarios e ao cumprimento dos tempos de viaxe comprometidos, que son de 3 horas e 47 minutos.

Imaxes relacionadas