A Xunta apoia a mostra ‘Os batismos a meia noite’, de Joan Alvado, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca este certame, que cumpre dez edicións,como plataforma para dar a coñecer o talento dos novos creadores

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 31 de xaneiro no Pazo de San Marcos, e posteriormente itinerará por distintas vilas galegas e cidades de España e Portugal

Lugo, 29 de decembro de 2022

O director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Lugo na inauguración da mostra Os batismos a meia noite, de Joan Alvado, gañador do X Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un certame impulsado pola asociación Outono Fotográfico e co apoio do Goberno galego.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a importancia deste galardón como plataforma para dar a coñecer o talento de novos creadores no eido da fotografía ao tempo que supón un espazo de intercambio artístico entre Galicia e o do resto do mundo. Así mesmo, puxo en valor a calidade das pezas do artista catalán que se alzou co premio entre máis dun cento de propostas creativas procedentes de España e doutros países como Italia, Francia, Alemaña, Ucraína e mesmo de Sudamérica.

 

Tal e como contemplan as bases deste premio patrocinado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, o premio consiste na produción dunha exposición itinerante e a publicación dun libro. Así pois, a mostra do artista gañador quedou aberta ao público hoxe no Pazo de San Marcos, en Lugo, onde permanecerá ata o 31 de xaneiro. Posteriormente itinerará durante dous anos polo resto de Galicia nas salas de Afundación e por outras localidades de Portugal e do resto de España. O galardón complétase coa publicación do libro do traballo de Alvado, dentro da serie Premio Galicia de Fotografía Contemporánea da colección OF que se distribuirá nas librarías.