A Xunta somete a información pública a mellora de 64 paradas de autobús en 10 concellos da contorna da Coruña e de Santiago

Trenor informou que esta intervención suporá un investimento autonómico de 2,4 millóns de euros

Mellorarase a seguridade e a comodidade das paradas, nas que se instalarán marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático, entre outras actuacións

Favorecerase a accesibilidade para peóns e persoas con mobilidade reducida e reforzarase a seguridade das paradas, tamén con perspectiva de xénero, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e iluminación na súa contorna

A Xunta ten previsto actuar en máis de 1.100 paradas das estradas autonómicas cun investimento global de arredor de 35 M€

Abegondo (A Coruña), 30 de decembro de 2022.-

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, informou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de mellora de 64 paradas de autobús en 10 concellos das contornas da Coruña e de Santiago que suporán un investimento de 2,4 millóns de euros. No caso concreto do municipio de Abegondo, levarase a cabo a mellora de 15 paradas nas estradas AC-221, AC-542, AC-223 e AC-221.

Trátase, dixo, dun dos proxectos do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

O proxecto que hoxe se somete a información pública abrangue 64 paradas nas rutas de acceso polo norte da cidade da Coruña nas AC-621, AC-211, AC-213, AC-221, AC-230, AC-400, AC-524, AC-542 e AC-840. Estas intervencións afectarán a un total de 69 parcelas, a cuxa expropiación se destinarán algo máis de 128.000 euros.

Concretamente, no concello de Abegondo, melloraranse 15 paradas; en Betanzos 11; en Cambre 21; en Carral 1; en Curtis 3 ; en Oza-Cesuras 9;  en Boimorto 1, en Melide 1; en Mesía 1 e en Ordes 1 parada. En total o proxecto contempla a mellora de 64 paradas.

Segundo explicou Gonzalo Trenor, as intervencións previstas suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

 

Trátase dunha das actuacións enmarcadas no programa da Xunta para actuar en máis de 1.100 paradas de autobús en estradas autonómicas co fin de mellorar a súa seguridade e accesibilidade, o que suporá un investimento global de arredor de 35 millóns de euros.

 

A medida está financiada ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

 

Actuacións


No marco destas intervencións, en primeiro lugar, revisarase se a localización da parada é a axeitada. A localización óptima destas infraestruturas é en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

 

Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

 

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

 

As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

 

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

 

Imaxes relacionadas