Fernández-Tapias salienta a alta demanda do albergue de Vigo, que acolleu en 2022 a 8.000 dos máis de 30.000 peregrinos que utilizaron o Camiño da Costa

A delegada da Xunta en Vigo fixo balance da afluencia de camiñantes ao aloxamento do Berbés durante o Ano Santo que remata

“Estamos moi satisfeitos e os números avalan a decisión que tomamos para a rehabilitación dos edificios nun lugar emblemático da cidade”, destacou
 

Vigo, 30 de decembro de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, fixo balance este venres do novo Albergue de Peregrinos Juan Manuel López Chaves durante o Ano Santo que remata. O establecemento, que funciona desde xullo de 2021 no barrio do Berbés, supuxo un investimento de 1,8 millóns por parte do Goberno galego.

 

“Estamos moi satisfeitos deste primeiro ano completo de funcionamento do albergue do Berbés e os números avalan a decisión que tomamos para a rehabilitación dos edificios nun lugar emblemático da cidade”, sinalou a representante autonómica.

 

Segundo relatou, un total de 8.000 peregrinos de 42 países diferentes fixeron parada no albergue durante o ano 2022 (máis de 10.000 contando desde a súa apertura). O mes con maior afluencia foi agosto, cun total de 1.692, seguido de xullo (1.293) e setembro (1.200). O edificio conta con seis plantas nunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento. A infraestrutura ten capacidade para 93 persoas en 7 habitacións e dispón tamén de cociña, comedor, zona de ocio e aseos.

 

Camiño da Costa


Fernández-Tapias tamén sinalou que Camiño Portugués da Costa recibiu este ano a un total de 30.646 peregrinos, mentres que no Camiño Portugués foron 93.077. “Esto supón que o Camiño da Costa que pasa por Vigo obtivo o 6,99% do total de peregrinos e recuperou o terceiro posto como ruta máis demandada tras o Camiño Francés e o Camiño Portugués”, indicou.

 

Así, os datos do ano que remata indica que o Camiño da Costa subiu máis de dous puntos respeto ao ano 2021 (4,44%) e superou de novo aos itinearios Inglés, Norte e Primitivo.

 

A representante autonómica lamentou unha vez máis que Vigo siga sen sinalización oficial. “Teño que dar as gracias a comerciantes, taxistas e colectivos que axudaron a difunfir o Xacobeo, porque é dificilmente xustificable que o goberno local socialista privase aos peregrinos de contar coa información que precisan e a nosa veciñanza e á hostalería ou ao comercio dos incentivos económicos que supón para a cidade contar cun tramo dunha ruta xacobea”, argumentou.

 

Imaxes relacionadas