A Xunta destina preto de 600.000 euros para compra de maquinaria agrícola das cooperativas de Lalín

O delegado territorial visitou a Cooperativa Gandeiros do Deza, que recibiu unha achega de máis de 100.000 euros

O total investido nestas axudas no Deza-Tabeirós supera os 800.000 euros

Lalín (Pontevedra), 15 de abril de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou a Sociedade Cooperativa de Gandeiros do Deza, en Lalín, con motivo dunha axuda da Xunta de máis de 100.000 euros para a adquisición de maquinaria. 

Trátase dunhas axudas coas que a Xunta busca apoiar o sector agrícola galego e que destinaron máis de 800.000 euros para este fin na comarca do Deza-Tabeirós, dos cales preto de 600.000 euros quedaron na cooperativas do concello de Lalín.  

Acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, e polo presidente da cooperativa, Orlando González, o delegado territorial aproveitou a visita para coñecer as funcións da Sociedade Cooperativa de Gandeiros do Deza, da cal se aproveitan varias decenas de gandeiros e que nos últimos anos ten crecido tanto en socios como en servizos. Reguera asegurou sentirse “impresionado co traballo que levan a cabo e coa cantidade de maquinaria de última xeración coa que conta esta cooperativa, en parte, grazas ao apoio da Xunta”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/04/2024