A Xunta completa traballos preventivos en 24 quilómetros de pistas do distrito forestal XIX Caldas-O Salnés para potenciar a defensa contra os lumes

As actuacións levadas a cabo en montes da Lama e Ponte Caldelas tamén abrangueron traballos en 2,7 quilómetros de  faixas cortalumes, sempre co fin de impulsar a súa operatividade na loita fronte os incendios forestais

Para poder realizar estes traballos de mellora, e co obxectivo de facilitar o acceso de vehículos, empregouse unha bulldozer

Ao longo de marzo e abril continúase coas tarefas en materia de prevención noutros 5,6 quilómetros de montes da localidade de Ponte Caldelas

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, vén de completar unha serie de actuacións para a prevención de incendios forestais no Distrito Forestal XIX Caldas-O Salnés, na provincia de Pontevedra, concretamente nos concellos da Lama e Ponte Caldelas.

As actuacións realizadas consistiron no arranxo de pistas forestais e na limpeza de faixas cortalumes co fin de potenciar a súa operatividade na defensa do territorio contra os incendios forestais. Concretamente, actuouse sobre 24,07 quilómetros de pistas forestais e en 2,66 quilómetros de cortalumes en montes dos mencionados concellos.

Para poder levar a cabo estes traballos de mellora, e co obxectivo concreto de facilitar o acceso de vehículos, empregouse unha bulldozer.

Seguindo nesta liña, ao longo dos meses de marzo e abril desenvolveranse novas  tarefas de prevención que permitirán actuar sobre outros 5,57 quilómetros de montes de Ponte Caldelas, para seguir mellorando as infraestruturas de prevención fronte aos lumes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2024