A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiron hoxe ao certame, que ten lugar na Residencia de Tempo Libre da Xunta en O Carballiño

Unha vintena de equipos participan na fase clasificatoria do programa Parlamento Xove 2024 na categoría de ESO

Preto dun centenar de estudantes competiron nesta fase, na que o tema do debate foi ‘Os estados deben tomar medidas para limitar o desenvolvemento da intelixencia artificial?’

Máis de 500 equipos de centros escolares de ESO ou Bacharelato, e 48 de universidades pasaron por este certame, que celebra este ano a súa edición número quince

O Carballiño (Ourense), 9 de marzo de 2024

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, saudaron esta mañá aos equipos de centros de ensino de Secundaria que participan na fase clasificatoria do programa Parlamento Xove, que chega este ano a súa edición número quince. Un total de 23 equipos doutros tantos centros educativos déronse cita onte e hoxe neste evento que se celebra na Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia.

En total, son preto dun centenar de estudantes os que compiten nesta fase clasificatoria, na que a pregunta de debate sobre a que tiveron que argumentar a favor ou en contra foi ‘Os Estados deben tomar medidas para limitar o desenvolvemento da intelixencia artificial?’. 

Parlamento Xove é unha iniciativa da Consellería de Política Social e Xuventude plenamente consolidada. Desde o seu inicio teñen debatido 518 equipos de centros escolares de ESO ou Bacharelato, e 48 de universidades, nos que participaron 2.762 persoas entre estudantes e profesorado. A estas cifras hai que engadir os 57 equipos e 223 participantes desta edición en curso.

Traballo de investigación e argumentación

Trátase dunha competición na que os diversos equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a favor ou en contra a adoptar por cada equipo en relación á cuestión formulada.

A través de Parlamento Xove, o Executivo autonómico potencia habilidades e competencias da mocidade en eidos como a selección de información; a expresión oral e escrita; a orixinalidade; a argumentación razoada; o traballo en equipo ou a convivencia.

Data de actualización: 09/03/2024