Xunta e Organización de Estados Iberoamericanos organizarán un seminario sobre transformación dixital e intelixencia artificial na educación

Román Rodríguez e Mariano Jabonero asinan un acordo en Madrid para impulsar actividades para a promoción de programas de innovación educativa

O acordo contempla tamén a celebración dun foro de alto nivel sobre PISA e un seminario para fortalecer a gobernanza e o liderado educativo pedagóxico e inclusivo

Madrid, 15 de marzo de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e o secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), Mariano Jabonero, asinaron esta mañá en Madrid un acordo de colaboración para planificar accións conxuntas na promoción de programas de innovación educativa.

Ao abeiro desta cooperación, a Xunta e a OEI organizarán en Santiago de Compostela neste 2024 un seminario iberoamericano sobre transformación dixital e Intelixencia Artificial na educación, con expertos e personalidades destacadas do ámbito educativo e empresarial. O obxectivo é a mellora das competencias dixitais de toda a comunidade educativa para responder axeitadamente ao contexto dixitalizado global.

Román Rodríguez destacou a importancia deste evento internacional “para continuar fortalecendo as competencias profesionais docentes en todo o relativo ao imparable proceso de transformación dixital que estamos a vivir”. “A Xunta de Galicia ten en marcha a Estratexia de Educación Dixital 2030 para, precisamente, mellorar as capacidades dixitais da comunidade educativa, con actuacións para alumnos, profesores, familias e centros, que inclúen desde a dotación de equipamentos ata a formación, imprescindible neste contexto no que cada día xorden novos desafíos”, explicou.

“Agardamos que este encontro marque un novo fito no traballo que desde os centros se está a facer para integrar na práctica educativa a Intelixencia Artificial e as novas ferramentas dixitais”, afirmou o conselleiro en funcións.

Previamente, unha delegación do Goberno galego visitará a sede da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos en París, co obxectivo de manter unha reunión co equipo de educación e definir cuestións de importancia no proceso de traballo a favor da transformación dixital en educación. Ademais, froito da celebración do seminario, elaborarase un informe sobre Intelixencia Artificial en educación, o seu desenvolvemento e posibles aplicacións.

Avanza na educación de calidade

No marco deste convenio tamén se organizará un foro de alto nivel sobre avaliación educativa. Nel farase unha análise exhaustiva do informe PISA, da súa metodoloxía e procedementos, e de como esta ferramenta de avaliación pode empregarse para mellorar a evolución de alumnado, profesorado, directores e centros.

Esta actividade enmárcase no papel da OEI dentro do Comité Directivo de Alto Nivel do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4 que promove a UNESCO, que pasa por garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida. En concreto, a Organización de Estados Iberoamericanos  ocúpase de dar voz aos avances e retos de América Latina e Caribe na consecución deste obxectivo, ao tempo que proporciona orientación estratéxica para lograr a consecución destas metas.

Mellora da gobernanza

O acordo inclúe, así mesmo, a celebración dun seminario Galicia-Portugal para fortalecer a gobernanza e promover un modelo de liderado escolar pedagóxico e inclusivo entre todos os integrantes da comunidade educativa, unha das cuestións consideradas fundamentais para a mellora da calidade da educación en Iberoamérica.

Este evento, dirixido a directores de centros educativos de Galicia e Portugal técnicos da Consellería de Educación e do Ministerio portugués, celebrarase de xeito compartido entre Tui e Valença do Minho.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2024