O conselleiro de Educación en funcións inaugura o Congreso Intelixencia Artificial e Educación

Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta por garantir un acceso equitativo ao uso das tecnoloxías na escola

Explica que os centros contan con recursos como os Polos Creativos e materias que afondan na Intelixencia Artificial e as Tecnoloxías Intelixentes

Máis de 1000 docentes abordan nesta xornada de formación os aspectos éticos e mecanismos de regulación e protección de datos, entre outros asuntos

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o Congreso Intelixencia Artificial e Educación, onde destacou a aposta da Xunta por garantir un acceso equitativo ao uso das tecnoloxías na escola. “A equidade e a accesibilidade son piares básicos do sistema educativo galego, polo que traballamos para compensar as posibles desigualdades no uso das tecnoloxías”, salientou.

Neste sentido, explicou que os centros contan con recursos de equipamento, como os Polos Creativos, que se complementan cun amplo programa de actividades formativas, entre elas a celebrada hoxe na Cidade da Cultura, “cun éxito de participación que fixo que tivéramos que ampliar ata máis de 1000 as prazas”. Así mesmo, sinalou que o sistema educativo galego conta con materias específicas como Intelixencia artificial para a sociedade e Tecnoloxías intelixentes, ademais de cun grao universitario en Intelixencia Artificial.

Finalmente, lembrou que xa está en fase inicial o desenvolvemento dun proxecto pioneiro en España, EdugalIA, para aplicar as vantaxes da Intelixencia Artificial á Administración educativa dixital para mellorar a toma de decisións de cara ao éxito escolar e crear un expediente académico único, entre outras melloras

Nesta xornada de formación do profesorado abórdanse os aspectos éticos e mecanismos de regulación da Intelixencia Artificial, as ferramentas para aplicala á docencia e a protección de datos. O obxectivo é que os docentes coñezan os conceptos fundamentais desta disciplina e da súa aplicación ao ámbito educativo, coas correspondentes ferramentas e analizar os aspectos éticos, de seguridade e legais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2024