A Xunta afonda na importancia da xestión forestal do piñeiro do país no marco do Encontro científico-técnico transfronteirizo de Montes Pinus Pinaster

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, José Luis Chan, clausurou hoxe este encontro no Hotel Balneario de Mondariz, no que participaron diferentes axentes implicados co sector forestal

Na súa intervención, destacou a importancia do piñeiro para este eido produtivo e na meta de cumprir cos obxectivos do Pacto Verde Europeo, nos que propietarios e silvicultores teñen especial relevancia

Estas xornadas, que reuniron a máis de 150 asistentes a distancia, enmárcanse dentro das actividades organizadas con motivo da Semana Forestal que se está a celebrar polo Día Internacional dos Bosques que se conmemora mañá

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 20 de marzo de 2024

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, José Luis Chan, xunto co director da Asociación Galega Forestal e vicepresidente da Fundación Arume, Francisco Dans, participou hoxe na clausura do Encontro científico-técnico Transfronteirizo de Montes de Pinus Pinaster, celebrado no Hotel Balneario de Mondariz-Balneario.

Neste acto, José Luis Chan destacou que as dúas xornadas deste encontro serviron para afondar en moitos aspectos relacionados coa xestión forestal do piñeiro do país -Pinus pinaster-, no senso ambiental, social e económico. Isto foi posible grazas á participación de asociacións de propietarios forestais, empresas e entidades implicadas neste sector e os máis de 150 asistentes que se sumaron a distancia.

A maiores, sinalou a importancia que ten piñeiro para o sector forestal galego do serrado do taboleiro e na construción, ademais de que serve de apoio para cumprir cos obxectivos do Pacto Verde Europeo, da bioeconomía e da descarbonización de procesos industriais, e para o beneficio da sociedade en xeral. Sobre isto, resaltou o papel fundamental que xogan os propietarios dos terreos forestais e os silvicultores.

Semana Forestal

Este encontro forma parte do programa de actividades organizado con motivo da Semana Forestal que se está a celebrar con motivo do Día Internacional dos Bosques, que se conmemora mañá, 21 de marzo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2024