A Xunta lembra que o prazo das axudas para a mellora da xestión activa das masas consolidadas de frondosas autóctonas está aberto ata o 8 de abril

O Goberno galego publicou recentemente no DOG a ampliación da dotación orzamentaria destas achegas ata os case 2 M€, así como do prazo de presentación de solicitudes

O obxectivo destas subvencións -que contan con dúas liñas- é por un lado contribuír á rexeneración ou mellora destas masas e, por outro, fomentar a xestión forestal sostible para usos silvopastorais nestes mesmos terreos

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2024

A Xunta lembra que o prazo para a presentación de solicitudes das axudas para a mellora da xestión activa das masas consolidadas de frondosas autóctonas permanecerá aberto ata o vindeiro día 8 de abril. Esta convocatoria publicouse no DOG o pasado día 26 de xaneiro, está dotada con preto de 2 millóns de euros -un orzamento ampliado recentemente, así como o prazo de solicitudes- e conta con dúas liñas de achegas.

A primeira liña veu ampliada días atrás a súa dotación en 1,24 millóns de euros -pasando, polo tanto, o seu orzamento de 259.978 euros aos ata 1,5 millóns-, e destínase á rexeneración ou mellora das masas consolidadas de frondosas autóctonas. Nela subvencionaranse as actuacións silvícolas necesarias para a xestión e o aproveitamento destes terreos. Neste caso, serán elixibles actuación como tarefas de roza ou a plantación puntual con especies arbóreas frondosas para acadar a densidade axeitada.

No que atinxe á segunda liña de axudas, que ten un orzamento de algo máis de 420.000 euros, céntrase na xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas. As actuacións que serán elixibles para subvención, neste caso, son tarefas de roza; a emenda caliza, a fertilización, o gradeo semipesado, a sementeira con especies pratenses e o pase de rulo; ou os peches cando o xustifique a súa necesidade.

En ambas dúas liñas, o importe máximo que se concederá por beneficiario é de 30.000 euros. Na primeira liña, poderán solicitar as axudas tanto entidades locais como persoas físicas ou xurídicas, mentres que na segunda só terán a posibilidade estas últimas.

O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o 30 de xuño de 2025, e so serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados con posterioridade á data de inspección previa e como límite na data final de xustificación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2024