A Xunta adxudica por máis de 1,2 M€ as obras de mellora da estación de tratamento de auga potable de Noia

As actuacións, cun prazo de execución de 6 meses, permitirán modernizar a planta e ampliar a capacidade actual da potabilizadora para servir ata 24.000 habitantes 

 Instalarase un pretratamento completo, dúas bombas somerxibles, automatizarase o proceso e reformarase a instalación eléctrica

Este contrato enmárcase nas actuacións impulsadas pola Xunta para apoiar ao Concello na prestación dos servizos municipais da auga, tamén coa execución da mellora da depuradora cun investimento de máis de 2,3 M€

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2024

A Xunta vén de adxudicar por un importe de 1.269.973 euros a execución das obras de mellora da estación de tratamento de auga potable de Noia. 

Este contrato de obras, adxudicado á empresa Espina Obras Hidráulicas, S.A.,  conta cun prazo de execución de 6 meses e ten como obxectivo mellorar o sistema de abastecemento do concello coruñés.

Mediante este contrato, intervirase na estación potabilizadora deste municipio, deseñada para servir a unha poboación aproximada de 15.000 habitantes, co obxectivo de ampliar a súa  capacidade e servir ata 24.000 habitantes. 

Para iso mellorarase e modernizarase a planta de tratamento de auga potable, que na actualidade non está automatizada, carece de pretratamento previo e ten problemas no sistema eléctrico.

Os traballos consistirán na instalación dun pretratamento completo, de dúas bombas somerxibles, a automatización do proceso, a execución dunha nova liña de lodos, a instalación dun bombeo de recirculación para a desinfección e a reforma do circuíto hidráulico e da instalación eléctrica.

A actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) Galicia 2014-2020.

Este actuación forma parte das actuacións da Xunta para apoiar ao Concello de Noia na xestión dos servizos da auga de competencia municipal, ás que se engade a execución da mellora da depuradora de augas residuais, cun investimento de máis de 2,3 M€. 

En total, a Xunta está a investir 3,6 M€ para a mellora das infraestruturas hidráulicas deste municipio coruñés.

Data de actualización: 26/03/2024