A Xunta somete a información pública o proxecto de construción dunha glorieta na estrada AC-418 ao paso polo concello de Malpica

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio deste trámite, así como os bens, dereitos e propietarios afectados desta actuación de mellora da seguridade viaria, que suporá un investimento de 325.000 euros

Trátase de executar unha glorieta que reduza a velocidade dos vehículos nunha zona sensible pola intersección de acceso ao Colexio Público Milladoiro e ao centro cívico

A glorieta disporá dunha circunferencia de radio de 14 metros no anel exterior e 8 metros de diámetro no anel interior, con zona verde interior

Adaptaranse os treitos de acceso e saída da glorieta, con actuacións na rúa Canido e no acceso ao colexio

Prevese aprobar definitivamente o proxecto no outono para realizar a convocatoria dos actos expropiatorios e licitar as obras no primeiro trimestre de 2025

As persoas interesadas poderán presentar alegacións ao citado proxecto por un prazo de 30 días hábiles, a contar desde mañá

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

A Xunta somete a información pública o proxecto de construción dunha glorieta na estrada autonómica AC-418, ao paso polo concello de Malpica.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio do inicio do trámite de información pública necesario para executar esta obra de mellora da seguridade viaria nesta vía autonómica, á que a Xunta destinará un investimento de 325.000 euros.

Trátase de actuar na AC-418, concretamente no quilométrico 15+470,punto especialmente sensible ao ser unha intersección que dá acceso ao Colexio Público Milladoiro e ao centro cívico da localidade.

Co procedemento que hoxe anuncia o DOG, tamén se somete a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización desta actuación.

Cómpre lembrar que as persoas interesadas poderán presentar alegacións ao citado proxecto, por un prazo de 30 días hábiles, a contar desde mañá.

No seguinte enlace pódese ampliar esta información publicada no DOG de hoxe: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240426/AnuncioG0181-110424-0001_gl.html

A previsión da Xunta é aprobar definitivamente o proxecto no outono para poder realizar a convocatoria dos actos de levantamento das actas previas das expropiacións e licitar as obras no primeiro trimestre de 2025. O prazo para acometer os traballos é de 5 meses.

O proxecto

Na entrada ao núcleo urbano de Malpica, a urbanización das marxes da AC-418 vaise densificando progresivamente, converxendo edificios de vivendas e equipamentos nunha recta de 200 metros de lonxitude que ten unha forte pendente lonxitudinal descendente.

Os vehículos proceden dunha estrada con características interurbanas e existe un trazado recto nese treito, polo que se poden producir excesos de velocidade, a pesar de ser unha vía limitada a 50 km/h.

Para resolver esta situación, o proxecto que se somete hoxe a información pública propón a execución dunha glorieta en torno ao punto quilométrico 15+470 da estrada AC-418.

A glorieta disporá dunha circunferencia de radio de 14 metros no anel exterior da calzada, e 8 metros de diámetro no anel interior, que será de formigón cunha pequena zona verde interior.

Nos treitos de acceso e saída da glorieta da AC-418, entre os puntos quilométricos 15+430 e 15+490, prevese a realización de adaptacións pola implantación da mesma. En concreto, actuarase na rúa Canido, afectada nunha lonxitude de 10 metros; e no acceso ao colexio público, nunha lonxitude de 20 metros.

Na intervención tamén se reporán as beirarrúas cun ancho próximo aos 3 metros e pavimento de louseta, dando continuidade aos itinerarios peonís existentes.

Con respecto á pavimentación da calzada, esta será en aglomerado en quente naquelas superficies que antes da obra non contaban con pavimento.

Ademais, acondicionarase a drenaxe á nova configuración da glorieta, e rematarase a obra con sinalización horizontal e vertical.

Data de actualización: 26/04/2024