A Xunta mantén aberto o prazo de solicitude da nova liña de axudas para persoas de entre 41 e 55 anos que se incorporen á actividade agrogandeira, dotada con 3 M€

Estas achegas están enmarcadas na convocatoria de investimentos en explotacións agrícolas -os coñecidos como plans de mellora- e a incorporación de mozos ao sector, e cuxo último día para a presentación de solicitudes é o 22 de abril

Con estas axudas, dotadas no seu conxunto con 47 M€, búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións e avanzar nunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción, co fin de mellorar a competitividade do agro

Ademais, procúrase o rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector, con especial consideración cara ás mulleres, co obxectivo último de fixar poboación no rural

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2024

A Xunta lembra que o prazo para a presentación de solicitudes das axudas destinadas por primeira vez á incorporación de persoas de entre 41 e 55 anos á actividade agrogandeira, dotadas con 3 millóns de euros, está aberto ata o vindeiro 22 de abril. Esta nova liña de achegas enmárcase dentro da convocatoria que inclúe os investimentos en explotacións agrícolas -coñecidos como plans de mellora- e á integración de mozos ao sector, que no seu conxunto contan este ano cun orzamento de 47 millóns de euros.

 

A convocatoria destas achegas, de gran importancia para o agro galego, publicouse o pasado día 22 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia. Estas subvencións pertencen ao Plan estratéxico da política agraria común (Pepac) de España 2023-2027. O orzamento está cofinanciado nun 12 % pola Administración xeral do Estado, nun 28 % pola Xunta de Galicia e nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

 

Mediante estas axudas, cuxo prazo de solicitude está aberto para todas as liñas ata o 22 de abril, búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ademais, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

 

Reparto de partidas

En particular, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) é de 28 millóns (27 para as explotacións e 1 millón, en concreto, para as de pequeno tamaño); para a incorporación de mozos ao agro destínanse 16 millóns de euros, e aos que se lle suman os 3 millóns da nova liña destinada para persoas de entre 41 e 55 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2024