O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala a adxudicación do servizo de transporte escolar da Xunta

Na súa última sentenza, o TSXG subliña que a Xunta actuou “conforme a dereito” e descarta que un único adxudicatario superara o máximo de adxudicacións previstas nos pregos de contratación

O fallo da sala, tendo en conta as alegacións e proba achegadas pola Administración, rectifica o criterio das sentenzas anteriores do mesmo tribunal emitidas en sentido contrario

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2024

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de avalar o proceso de adxudicación de transporte escolar realizado pola Xunta de Galicia, por realizarse conforme á legalidade e aos pregos de contratación aprobados. Na súa última sentenza, o TSXG subliña que a Xunta actuou “conforme a dereito” e descarta que se producira unha concentración de adxudicacións nunha única empresa adxudicataria que superase o máximo de oito previsto nos pregos, contradicindo neste sentido a tese que se mantiña no recurso dos demandantes.

A resolución atinxe á adxudicación do lote nº 50, e nela o TSXG finalmente conclúe que non se incumpriu o requisito do número máximo de oito adxudicacións previsto nos pregos. Así o estimou o Tribunal logo de analizar a proba achegada pola administración e as alegacións realizadas polos servizos xurídicos da Xunta, que advertían de que nas súas sentencias anteriores o tribunal non tiña aplicado a regra do prego de contratación que determinaba que no número máximo de adxudicacións non debían computarse aquelas relativas a lotes nos que se presentase un único licitador.

Así pois, este último fallo rectifica o criterio que o mesmo TSXG mantiña nas súas anteriores sentenzas, o que conduce ao “rexeitamento total” das pretensións do demandante. Contra as aludidas sentenzas (correspondentes aos lotes 40, 45, 51, 54, 55 e 57) ), a Xunta de Galicia presentou recurso de casación que se encontra pendente ante o Tribunal Supremo. Do mesmo xeito será presentado estes días recurso de casación contra a correspondente ao lote 46. 

A Xunta de Galicia considera moi positivo que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declare finalmente nesta sentenza a conformidade a dereito do proceso de contratación do servizo de transporte escolar, e insiste en que se fixo desde a máis absoluta rigorosidade e transparencia e de acordo coa normativa vixente. Non en balde, en todas as sentenzas emitidas, o Tribunal indica de forma expresa que non existen indicios fundados de prácticas colusorias (alteración do principio de competencia) no procedemento, aos que agora se suma a validación no que atinxe ao número máximo de adxudicacións por concesionaria.

Data de actualización: 03/04/2024