A Xunta define o Galicia Fórum Gastronómico como “unha unión da tradición, a innovación e a paixón” que permite poñer en valor a nosa calidade alimentaria

José González expresou o seu desexo de que o Fórum sirva como catalizador para fortalecer as nosas producións e promover un crecemento sostible deste eido

Alfonso Villares destaca a importancia de levar ás mellores feiras sectoriais e salóns gastronómicos do mundo os mellores produtos do mar galegos para gañar mercados

O titular de Medio Rural en funcións reafirmou tamén o compromiso da Xunta coa excelencia dos produtos galegos, que se plasma a través de iniciativas como a Lei da calidade alimentaria, que entrou en vigor recentemente

Salientou, así mesmo, o labor do Goberno galego en materia de protección e promoción da excelencia das 38 Experiencias de calidade certificadas de Galicia e a importancia de eventos como este para reforzar a súa difusión

O responsable das políticas para a cadea mar-industria sinalou que a mellor promoción e aposta que pode facer polo sector o Goberno central é baixar oi IVE e activar un PERTE que acompañe os esforzos por transformarse e gañar valor engadido

A Coruña, 7 de abril de 2024.- Os conselleiros do Medio Rural e do Mar en funcións, José González e Alfonso Villares, respectivamente, participaron este mediodía na inauguración do Galicia Fórum Gastronómico, que se desenvolverá en Expocoruña ata o vindeiro martes, día 9, e no que a Xunta ten unha presenza destacada, apoiando ademais a promoción que realizan, dos seus produtos, diferentes empresas do sector alimentario galego.

Na súa intervención, o titular de Medio Rural en funcións definiu este evento como unha “unión da tradición, a innovación e a paixón” e avogou porque o Fórum “sirva como catalizador para fortalecer as nosas producións e promover un crecemento sostible” deste eido produtivo.

Neste contexto, José González reafirmou o compromiso da Xunta coa excelencia das producións de Galicia, que se plasma a través de iniciativas como a Lei da calidade alimentaria, que entrou en vigor recentemente. Esta norma, sinalou, ten por obxecto “facer proveito da singularidade e da diferenciación das nosas producións agroalimentarias para mellorar ao máximo as condicións do sector”.

Nesta liña, o conselleiro indicou que a nosa comunidade xa posúe neste eido unha vantaxe competitiva “e temos que ser capaces de aproveitala”. Isto, engadiu, significa exercer unha protección das nosas producións máis xenuínas e tamén facer promoción delas.

Protección da calidade

Canto á protección, González puxo en valor o papel que desempeña neste campo a certificación “por medio das nosas 38 Experiencias de calidade” e explicou que a Xunta traballa fomentando a súa singularidade, apostando pola trazabilidade e asegurando a confianza do consumidor, así como fortalecendo “a nosa reputación como destino gastronómico de primeiro nivel”.

Con respecto á promoción, o conselleiro destacou o Plan específico da Xunta para esta finalidade, que contempla un investimento, este ano, de 9,5 millóns de euros “con retorno asegurado”, xa que suporá, trasladou, un beneficio para os nosos produtores. Tamén en referencia ás accións de promoción, fixo fincapé na importancia de promover e apoiar eventos coma o Fórum, na medida en que se trata dunha “canle de actuación para motivar o consumo” das devanditas Experiencias de calidade.

Neste sentido, José González valorou tamén a participación dos produtores neste tipo de espazos, xa que -subliñou- permite xerar o caldo de cultivo necesario para darlle máis visibilidade aos nosos produtos locais, facilitar o acceso a novos mercados e dar pé a sinerxías entre produtores, profesionais da cociña e consumidores. E agradeceu a presenza neste Fórum da Coruña de ata 31 empresas do sector agroalimentario apoiadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

En relación co programa de actos previsto dentro deste evento, o conselleiro animou aos asistentes a desfrutar da degustación de produtos, das catas e maridaxes, das charlas e demais iniciativas, en definitiva -dixo- “da calidade en xeral dunha terra única no mundo gastronómico”. No acto tamén se fixo entrega da Carta Artesá a tres novas empresas, que xa forman parte do grupo de operadores e produtores amparados polo selo de Artesanía Alimentaria, unha das distincións de calidade coas que conta a Consellería. Trátase de Sacra Pan SL, coa marca comercial Sacrapastas; Martín Jesús Touceda González, coa marca Cienporcel e Embutidos Suarna, coa marca Suarna.

Un mar de sabor

O titular de Mar aproveitou para visitar ás firmas galegas presentes e en especial quixo acompañar aos nove coexpositores, todos eles inscritos á súa vez en Galicia Calidade, que se congregaron no stand da Consellería. Alfonso Villares destacou o traballo realizado por pemes como A Conserveira, Empanadas do Mar, Mareterra Conservas, Mariscos Barallobre, Porto Muíños, Tenrura, Lume Alimentación, ademais da Confraría de Pescadores de San Andrés de Portosín e a Feira Internacional de Galicia Abanca-Salimat por contribuír a levar ás mesas dos consumidores os mellores produtos do mar de Galicia.

Tamén sinalou a importancia da promoción que, dentro do programa de catas e degustacións do GALICIA SABE AMAR, permitiu este domingo desfrutar dos mariscos de Barallobre, do Peixe de Azul de Portosín ou do linguado e o rodaballo que se cultiva en Galicia, produtos que destacan pola seu sabor e calidade.

PescadeRías, as conservas galegas da man de Anfaco-Cecopesca, Mexillón de Galicia, o Bonito do Norte dos Armadores de Burela e a pescada do pincho da OPP-7 tamén deste porto da Mariña, así como distintas algas que conforman as verduras do mar protagonizarán serán protagonistas das sesións que se maridarán mañá e o martes con viños das distintas DO galegas (Rías Baixas, Monterrei, Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra.

 

Alfonso Villares destacou que feiras e salóns como o Galicia Fórum Gastronómico “constitúen o escaparate perfecto para poñer en valor os alimentos que produce o sector primario galego”, reiterando que é imprescindible que os seus produtos reciban “o mellor dos apoios e da promoción que se merecen e levan anos demandando do Goberno central, como é a rebaixa do IVE”. A negativa a facelo que mantén o Executivo de Pedro Sánchez, asegurou, non ten “nin pes nin cabeza e dana ao conxunto da actividade e os milleiros de familias que viven dela”. Tamén reclamou un PERTE para a cadea mar-industria cos recursos necesarios para avanzar na súa transformación e aumente o seu valor engadido. 

O departamento de Mar, pola súa banda, continuará coa súa aposta por levar ás principais feiras sectoriais e gastronómicas do mundo este alimentos, ao tempo que a través de campañas como a xa asentada GALICIA SABE AMAR xunto coa máis recente AMAR GALICIA pretenden elevar o consumo entre as familias e nos locais de hostalería dos alimentos mariños, beneficiosos para a saúde e base dunha dieta tan equilibrada como é a atlántica.

Sobre Galicia Fórum Gastronómico

O Galicia Fórum Gastronómico, de carácter bianual, é un evento gastronómico de referencia no norte de España, desde que se celebrou a súa primeira edición no 2008, instalándose nas últimas catro edicións na cidade da Coruña e converténdose nun punto de encontro para o sector alimentario. Na súa última edición, en 2022, congregou 22.000 visitantes e a 200 expositores. O evento conta tamén co apoio de Turismo de Galicia e cun espazo de Galicia Calidade cun espazo de máis de 90 metros cadrados onde realizará diversas degustacións, catas e presentacións dos produtos certificados pola marca de garantía.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/04/2024