A Xunta cualifica a ITV como unha actividade esencial na mellora da seguridade viaria e o medio ambiente

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, interveu nun encontro promovido polo Comité Internacional de Inspección de Vehículos de Motor (CITA) que reuniu en Galicia varios grupos de traballo de expertos técnicos do sector da ITV a nivel internacional

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, avogou hoxe por aliñar a Inspección Técnica de Vehículos (ITV) cos retos de futuro do sector da automoción para consolidar esta actividade como un factor esencial para a mellora da seguridade viaria e o medio ambiente.

Así o manifestou durante a súa intervención nun encontro promovido polo Comité Internacional de Inspección de Vehículos de Motor (CITA) que reuniu en Galicia varios grupos de traballo de expertos técnicos do sector da ITV a nivel internacional.

O secretario xeral de Industria apuntou que o sector da automoción, estratéxico para Galicia, concentra más de 200 empresas e 23.000 persoas empregadas, e chamou a atención sobre os importantes retos que se aveciñan coa evolución tecnolóxica dos vehículos e as diferentes estratexias para reducir as emisións contaminantes.

Nese sentido, destacou as actuacións que, desde a Xunta de Galicia, se están a impulsar para dar resposta a este novo escenario. Entre elas, citou a futura posta en marcha dun centro de desenvolvemento técnico de proxectos de investigación para adaptar a ITV ás transformacións que se están a producir no sector da automoción. Tamén salientou a aposta pola mobilidade eléctrica e por que todos os centros de ITV de Galicia dispoñan de dispositivos de carga. Para reducir a pegada de carbono, apuntou que, nestes espazos, tamén se está promovendo a instalación de paneis fotovoltaicos. E, ademais, puxo de manifesto o esforzo da Administración autonómica por incrementar a rede de estacións de ITV en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/04/2024