A Xunta financia con preto de 144.000 euros catro proxectos de embelecemento turístico do litoral nos concellos de Ares e Valdoviño

Entre as actuacións subvencionadas inclúense melloras paisaxísticas en diferentes contornas, a creación de contidos e recursos turísticos dixitais e a mellora da accesibilidade de espazos singulares

Turismo de Galicia vén de resolver a segunda convocatoria desta liña de axudas incluída no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral deseñado polo Goberno galego con fondos Next Generation

Ferrol, 10 de abril de 2024

A Xunta de Galicia impulsa con preto de 144.000 euros catro proxectos de embelecemento turístico do litoral nos concellos de Ares e Valdoviño. A Axencia Turismo de Galicia vén de resolver a segunda convocatoria desta liña de axudas destinada a accións que afonden na transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral, accións de transición dixital e de accesibilidade inclusiva en concellos galegos coa finalidade de potenciar o seu uso turístico.

Os concellos de Ares e Valdoviño son dous dos 41 concellos galegos beneficiados desta convocatoria coa que se impulsarán un total de 64 proxectos que abranguen melloras paisaxísticas en diferentes contornas, creación de contidos e recursos turísticos dixitais, sinalización e mellora de sendeiros, entre outras.

No caso de Ares, que recibirá tres axudas por un valor conxunto de 131.648 euros, executará a mellora e tratamento do camiño ao carón do litoral da Bailadora- Montefaro -71.962 euros-, porá en marcha un proxecto para a dixitalización das rutas de sendeirismo do Concello  -15.000 euros de axuda-, e mellorará a accesibilidade do parque de Rosalía para potenciar un turismo competitivo -44.722,36 euros-.

O Concello de Valdoviño, pola súa banda, recibe unha achega autonómica de 11.761 euros para a creación dun mapa-guía interactiva turística do municipio.

Esta liña de axudas, cun investimento global de máis de 2,7 M€, é unha das actuacións incluídas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral posto en marcha polo Goberno galego con fondos Next Generation e dentro do que as entidades locais están a executar distintos Plans de Sostibilidade Turística en Destino. O Plan Territorial que conta con 29,3 M€ de fondos, enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camiño á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos.

Data de actualización: 10/04/2024