A Xunta destaca o seu apoio ao emprendemento de base tecnolóxica na clausura dun encontro internacional de xoves emprendedores na USC

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou na clausura e entrega de premios do encontro EIJE 2024

Lembrou que a Xunta mantén aberta ata o 30 de setembro unha nova convocatoria de apoios para financiar os primeiros gastos nas iniciativas de base tecnolóxica, as contratacións indefinidas, a conciliación e a función de xerencia

A Xunta está a impulsar o espírito emprendedor entre investigadores e titulados universitarios para favorecer que o seu esforzo desemboque na creación de empresas

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe na sesión de clausura da 10ª edición do Encontro internacional de xoves emprendedores EIJE 2024, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia. Fernández tomou parte na entrega de galardóns desta cita, dirixidos a recoñecer ideas de negocio e proxectos empresariais de alumnos e exalumnos de graos e mestrado.

O representante da Xunta lembrou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de abrir a convocatoria dunha nova edición de axudas ao inicio de actividade de empresas de base tecnolóxica e a xeración de emprego cualificado vencellado con elas. A Administración galega destina este ano medio millón de euros a esta convocatoria que ten o prazo de inscrición aberto ata o 30 de setembro.

A iniciativa busca impulsar o espírito emprendedor entre persoas investigadoras e tituladas universitarias para favorecer que o resultado dos seus traballos desemboquen na creación de iniciativas empresariais e dinamizar, así, o emprego científico e tecnolóxico.

Esta medida artella apoios económicos para facilitar o lanzamento das iniciativas en catro eidos: para a creación directa de emprego estable (achegas de ata 24.000 euros), inicio e posta en marcha da actividade (ata 30.000), conciliación da vida persoal, laboral e familiar (ata 3.000 euros) e apoio á función xerencial (máximo 10.000 euros). 

Grazas a esta iniciativa pioneira no Estado, a Xunta favoreceu desde 2001 a creación dun total de 2.224 postos de alta cualificación e de 406 empresas consideradas IEBTS. 

O secretario xeral puxo en valor, por outra banda, a colaboración da Xunta coas universidades públicas para acercar a mocidade ás empresas e viceversa, para facer que o emprendemento sexa unha opción atractiva para os que inician a súa vida laboral.

 

Tal e como lembrou, o Goberno galego destinará este ano 410.000 euros a promover actividades de impulso ao emprendemento entre a comunidade universitaria. Estes apoios permitirán organizar feiras de emprendemento e apoio ao emprego nos sete campus e crearán os premios ao emprendemento, con 20 galardóns aos mellores traballos Fin de Mestrado e Doutorado e Fin de Grao das tres universidades.

 

Fernández quixo destacar tamén o traballo conxunto entre Galicia e Portugal, cuxas universidades colaboran na organización do Encontro EIJE,  para dispor de un mercado laboral aberto, accesible e sen fronteiras, a través do espazo Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal.

 

Esta rede traballa desde hai 25 anos ofrecendo accións para favorecer a inserción laboral entre as dúas rexións con especial atención á mocidade.

 

O secretario xeral rematou recalcando que a mocidade galega ten unha reserva de talento inesgotable que se ten que poñer tamén ao servizo do emprendemento e as iniciativas empresariais e comprometeu o traballo da Xunta para seguir a darlle o pulo que precisa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/04/2024