Extinguido o incendio forestal do concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa

O lume, que afectou a zona transfronteiriza con Portugal, abrangueu finalmente unha superficie de 23,45 hectáreas de monte raso en territorio español

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2024

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, quedou extinguido ás 11,52h. desta mañá.

O lume iniciouse onte ás 23,19 h. e, finalmente, abrangueu unha superficie de 23,45 hectáreas de monte raso en territorio español (afectou tamén a Portugal). A hora de inicio do lume -a súa nocturnidade- e o feito de que se rexistraran dous puntos simultáneos de inicio, apunta a unha clara intencionalidade. Para a súa extinción, mobilizáronse 3 axentes, 10 brigadas e 6 motobombas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 17/04/2024