María José Gómez destaca a contribución da Operación Centinela na loita contra os incendios ao incrementar a vixilancia nos montes galegos
A conselleira do Medio Rural participou hoxe na presentación desta operación froito da colaboración co Ministerio de Defensa, a través da cal se despregarán 35 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil en misións de vixilancia e disuasión
Explicou que a principal novidade deste ano é que se adianta o seu inicio ao 10 de agosto e estará en funcionamento ata o 25 de setembro
Destacou tamén que este operativo intégrase no traballo conxunto de prevención e extinción de lumes en Galicia, un dispositivo composto por máis de 7.000 efectivos na época de alto risco, entre os que se inclúen os da Xunta e os doutras administracións
A maiores lembrou algunhas das novidades deste ano na loita contra o lume, entre as que se atopa a posta en marcha da aplicación móbil ALume para que a cidadanía alerte dun lume, a cal está dispoñible e da que xa se efectuaron máis de 6.600 descargas
Pontevedra, 23 de xullo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a contribución da coñecida como Operación Centinela na loita contra os incendios forestais ao incrementar a vixilancia nos montes galegos. Fíxoo durante a presentación na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra desta misión froito dun convenio co Ministerio de Defensa.
A través desta colaboración, Gómez explicou que se despregarán polo territorio 35 patrullas terrestres, as mesmas que o ano pasado, e dous equipos de mantemento móbil que operarán nas catro provincias galegas, con especial atención á provincia de Ourense. Ademais, destacou que a principal novidade deste 2026 é que se adianta a petición da Xunta o inicio desta operación ao 10 de agosto, estendéndose ata o 25 de setembro, co obxectivo de que a presenza de militares nos montes disuada as prácticas delituosas que provoquen incendios forestais. A Operación Centinela está dotada cun investimento por parte da Administración autonómica de preto de 594.000 euros.
Neste acto tamén estiveron o delegado de Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o xeneral xefe da Brilat, Andrés González; os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Francisco; e de Emerxencias e Interior; Santiago Villanueva; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; entre outras autoridades.
Reforzo do dispositivo de loita contra o lume
A conselleira salientou que a Operación Centinela intégrase no traballo conxunto de prevención e extinción dos lumes en Galicia. Deste xeito, lembrou que o dispositivo está composto durante a época de alto risco por máis de 7.000 efectivos, entre os que se inclúen os da Xunta e os doutras administracións.
En canto aos medios materias, fixo fincapé en que Galicia conta cunha trintena de medios aéreos, entre autonómicos e estatais. Neste sentido, destacou que este ano se reforza o dispositivo coa incorporación de dous avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero pesado.
No ámbito das novas tecnoloxías resaltou algunhas das novidades incorporadas este ano, como son a integración da Intelixencia Artificial no sistema interno de xestión ou a ampliación nun 30 % da rede de cámaras de videovixilancia. A maiores, puxo en valor a nova aplicación móbil ALume, xa dispoñible para que a cidadanía poida alertar dun lume dunha forma áxil e sinxela, favorecendo a detección temperá. Neste sentido, destacou a boa acollida desta ferramenta, que conta con máis de 6.600 descargas, e a cal complementa a canle do 085.
Por outra banda, a titular de Medio Rural enxalzou o labor do dispositivo galego de prevención e loita contra o lume, ao que cualificou como un referente nacional e internacional. Neste sentido lembrou que actualmente está a formarse na nosa comunidade un grupo de bombeiros de Bulgaria, ao igual que o fixeron en anteriores ocasións profesionais de Estonia e Países Baixos.
Finalmente, Gómez fixo un chamamento á cidadanía para que, ante calquera sinal de incendio forestal, avise sempre a través do 085 ou de ALume.