Extinguido o incendio forestal do concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Angudes

O lume afectou unha superficie de 170 hectáreas, das cales 160 corresponden a monte arborado e as 10 restantes a raso

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2024

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Angudes, quedou extinguido dende as 13,50 h. de hoxe. O lume iniciouse o pasado luns ás 19,57 h. en ata tres focos simultáneos, o que apunta á súa clara intencionalidade. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 170 hectáreas, das cales 160 corresponden a monte arborado e as 10 restantes a raso.

Nos labores de extinción deste incendio mobilizáronse, en conxunto, 3 técnicos, 30 axentes, 55 brigadas, 27 motobombas, 2 pas, 2 avións e 4 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 17/04/2024