A Xunta salienta a importancia do sector mineiro na transición cara a unha economía dixitalizada e descarbonizada

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou na apertura da Asemblea Ordinaria da Cámara Oficial Mineira de Galicia

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, salientou hoxe na apertura da Asemblea Ordinaria da Cámara Oficial Mineira de Galicia a importancia do sector na transición cara a unha economía dixitalizada e descarbonizada, que requirirá de materias primas e procesos de produción eficientes.

Fernández Vila lembrou que, a través da Axenda de impulso da minería sustentable de Galicia 2030, a Xunta impulsou nos últimos meses iniciativas como a oficina para a captación, a coordinación e o seguimento de fondos europeos de investigación, innovación e modernización, ou o catálogo de recursos naturais de Galicia, así como a restauración de emprazamentos mineiros, entre outras iniciativas.

O director xeral, que resaltou a colaboración da Cámara coa Administración autonómica, destacou o carácter transversal da minería, con sinerxías no ámbito das enerxías renovables, a automoción, a aeronáutica, o turismo, ou a construción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/04/2024